Continúa a escalada de casos activos e novos positivos na provincia

Nas últimas horas detectáronse 28 novas infeccións 
Gente paseando por Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Xente paseando por Lugo. SEBAS SENANDE

Os casos activos seguen á alza na provincia de Lugo por cuarta xornada consecutiva. Segundo os datos publicados na web da Consellería de Sanidade –ata as 18.00 horas deste xoves– as infeccións activas ascenden a 191, 18 máis que na xornada previa. Este incremento débese á elevada cifra de novos positivos detectados nas últimas horas: 28, fronte a tan só nove persoas que superaron a enfermidade.

Nas últimas horas foron diagnosticados en Sarria máis de vinte casos de covid todos relacionados cun establecemento de hostalería e a celebración dunha comida. A investigación deste brote segue aberta e non se descarta que aparezan novos contagios nos próximos días.

Afortunadamente, este repunte de casos non afectou á presión hospitalaria, que permanece sen cambios, con tres persoas ingresadas no Hula, dous en planta e unha na Uci.

Desde que comezou a pandemia superaron o virus 12.754 lucenses –nove nas últimas horas– e faleceron con covid-19 diagnosticado 224, aínda que o Sergas contabiliza 216 ao non incluír a algunhas persoas cuxo deceso se produciu noutras provincias.

Comentarios