O consello de universidades avala o grao de Bioquímica

O título empezarase a impartir o próximo curso e ofertará 45 prazas
2020052218192091964
photo_camera Vista da área de laboratorios da facultade de Ciencias. XESÚS PONTE (AEP)

A comisión de verificación e acreditación de plans de estudos do consello de universidades acaba de avalar o plan de estudos do grao de Bioquímica, titulación que comezará a impartir a facultade de Ciencias do campus de Lugo o próximo curso.

Nunha resolución asinada o pasado día 19, o consello de universidades dá o seu aval ao título tras avaliar "a adecuación do plan de estudos proposto á normativa aplicable e o informe correspondente emitido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia".

O novo grao permitirá reforzar de forma substancial a actividade na facultade universitaria lucense, que dispón de espazo e unha ampla zona de laboratorios.

A de Bioquímica é unha das novas titulacións que implantará a USC no campus o curso próximo. Ciencias ofrecerá 45 prazas nese novo grao. É o mesmo número de prazas que terá outro título que tamén arrincará o próximo curso, o de Empresa e Tecnoloxía.

Corenta e cinco prazas é o mínimo a cubrir esixido polas titulacións de campus periféricos, como o de Lugo.

No próximo curso tamén se estreará o título de Empresa e Tecnoloxía

Esas novas titulacións constitúen unha das apostas para reforzar o campus lucense, onde o próximo curso tamén verá reducida a súa oferta de prazas Dirección e Administración de Empresas, con dez menos.

Eses son algúns dos grandes cambios previstos no campus lucense, onde a universidade tamén traballa noutros procesos de transformación, como o traslado da facultade de Formación de Profesorado, que se pretende levar ao complexo docente no que tamén se imparten as titulacións de Humanidades.

Ese traslado de Profesorado estaría ligado, á súa vez, ao traslado da Escola de Relacións Laborais á facultade de Administración e Dirección de Empresas.

A recolocación facilitaría, á súa vez, que a Anexa gañase espazo, xa que aproximadamente a metade do edificio, a que ocupa agora Profesorado, quedaría baleiro. En todo caso, non hai nestes momentos prazos previstos para ese traslado.

Comentarios