O Consello de Goberno dá o visto e prace a dous dos novos graos para o campus

Os graos en Enxeñaría Robótica e en Xestión Cultural impartiranse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na facultade de Humanidades, respectivamente

Consello de Goberno de la USC. EP
photo_camera Consello de Goberno da USC. EP

O Consello de Goberno da USC trasladou a súa asemblea este xoves ao edificio do Vicerreitorado lucense, onde se deu o visto e prace a novas titulacións, entre elas varias que xa estaban previstas para o campus de Lugo: os graos en Enxeñaría Robótica e en Xestión Cultural, que se impartirán na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e na facultade de Humanidades, respectivamente. Tamén se aprobou o máster en Enxeñaría de Procesado de Alimentos para a facultade de Ciencias. Todos eles deben continuar agora os trámites a nivel autonómico coa intención de que poidan implantarse no curso 2018/2019. 

O reitor da USC, Antonio López, presidiu a sesión do Consello de Goberno na que se aprobaron as novas titulacións. O grao de Robótica centrarase na robótica agrícola e agroforestal, con varias posibilidades de especialización, e para el proponse cincuenta prazas. O grao en Xestión Cultural ofertará 45 e o seu obxectivo é formar profesionais especializados en elaboración e difusión de proxectos culturais e de conservación da cultura e do patrimonio. 

Ademais, tamén se aprobou o máster en Química, entre Bioloxía e Ciencia dos Materiais, que se ofertará na facultade compostelá de Química; o máster en Psicoloxía, para a universidade homónima e o máster interuniversitario en Visión por Computador, coordinado pola USC, pero no que participan tamén a Universidade da Coruña e a Universidade de Porto.

Comentarios