A Consellería de Cultura limpará e consolidará a palestra das termas romanas

Tamén se realizarán traballos no castro de Formigueiros, en Samos

Castro de Formigueiros. EP
photo_camera Castro de Formigueiros. EP

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria intervirá esta semana en dous elementos patrimoniais da provincia: a palestra da termas romanas de Lugo e o castro de Formigueiros, en Samos. Segundo explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, o investimento nestes proxectos suma 32.200 euros.

As previsións da delegación contemplan comezar mañá os traballos na palestra das termas romanas. Esta zona -situada debaixo da cafetería do balneario actual- foi escavada no ano 1999 e os traballos que agora se acometen consisten na limpeza e consolidación dos pavimentos conservados, restitución en zonas onde faltan pavimento ou pezas de cantería e recrecemento e consolidación dos muros, entre outros, co obxecto de facer máis comprensible para os visitantes este espazo tan característico dos complexos termais clásicos.

FORMIGUEIROS. Pola súa banda, os traballos no castro de Formigueiros comezarán previsiblemente o día 19 e consistirán, entre outros, na desmontaxe do muro dunha construción tardía, tardorromana ou medieval, superposta a unha vivenda castrexa; completar a escavación dunha casa na que xa se intervirá de forma parcial e restaurar e consolidar outras dúas casas máis.

Este castro, situado na Serra do Édramo, é un importante asentamento castrexo caracterizado por unha impoñente muralla pétrea, con torreóns, e un complexo sistema defensivo formado por foxos e parapetos. Ten unha interesante arquitectura doméstica, con casas formadas por unha ou dúas habitacións, con tellados de lousa. Nel apareceron gravados de peixes e cabalos nas lousas do pavimento dunha praciña, e de labirintos en diferentes contextos.

Está documentada a ocupación dende o século III A.C a mediados do século I.

Comentarios