Confesa que rompeu a pedradas as lúas de dous coches para roubar

Foi pillado dentro dun turismo e fixéronlle a proba de alcoholemia, na que deu positivo. Serviulle de atenuante para o delito de roubo
Juzgado de lo Penal 2. AEP
photo_camera A vista celebrouse nos xulgados da Praza de Avilés. AEP

Condenado un lucense por romper a pedradas os portelos de dous vehículos para cometer senllos roubos, que resultaron frustrados.

Tal e como se recolle no escrito de conclusións provisionais do ministerio fiscal, o acusado acudiu ao aparcadoiro dunha empresa sobre as cinco e media da tarde do 9 de xuño de 2017, "coa intención de enriquecerse inxustamente".

Unha vez nas instalacións, o home, con iniciais M.S.R., lanzou unha pedra contra o portelo dun vehículo –un Ford Transit– e rompeu o cristal. Con todo, segundo alega a Fiscalía lucense, "non quedou acreditado que subtraese nada do interior do"mesmo . Acto seguido, "e co mesmo ánimo", o mozo rompeu o portelo doutro vehículo, un Nissan Qasqai, pero foi pillado in fraganti dentro do coche por unha terceira persoa, que chamou á Policía Nacional. O acusado foi sorprendido dentro do turismo e realizáronlle a proba de alcoholemia, na que arroxou un resultado de 0,37 miligramos por litro de aire expirado.

A acusación pública recolle no seu escrito de conclusións que os propietarios dos turismos afectados non reclamaron ningún tipo de indemnización polos danos ocasionados polo acusado.

CONFORMIDADE. O presunto ladrón foi acusado dun delito continuado de roubo con forza en grao de tentativa e o ministerio fiscal recoñeceulle a atenuante analóxica de embriaguez do artigo 21.7 do Código Penal.

A vista oral por este caso íase a celebrar o luns pola mañá no xulgado do Penal número 1 de Lugo, pero finalmente non foi necesario, xa que o acusado recoñeceu todos os feitos que lle imputaban e as partes chegaron a un acordo de conformidade. O ministerio fiscal pedía inicialmente unha condena de nove meses de prisión, pero acusación e defensa pactaron unha redución desta pena.