Conduce ebrio por Lugo, provoca danos no mobiliario urbano, dáse á fuga e agride á policía

O home foi detido no garaxe da súa propia vivenda â??A Policía Local interceptou a outras dúas persoas por circular co seu vehículo baixo os efectos do alcol

El hombre destrozó varios bolardos de la avenida Marqués de Ombreiro. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un control policial na avenida Marqués de Ombreiro. AEP

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron a un condutor ebrio que, logo de provocar danos co seu vehículo no mobiliario urbano, intentou darse á fuga, encarouse cos axentes e incluso chegou a agredilos cando o interceptaron no garaxe da súa propia vivenda, logo dunha persecución en coche pola cidade.

Os feitos sucederon o pasado 12 de xaneiro sobre as 22:45 horas, cando un veciño chamou ao 092 para informar de que un vehículo causara danos nos bolardos instalados na avenida Marques de Ombreiro.

Ao chegar ao lugar indicado, os axentes viron como o condutor do vehículo, que se decatou da presenza policial, subiuse no coche e emprendeu a marcha pola citada vía.

O condutor fixo caso omiso aos axentes que lle deron o alto e incluso chegou a invadir o carril contrario de circulación para darse á fuga.

A patrulla comezou a perseguilo e viu como o coche se introducía nun dos garaxes da avenida Marqués de Ombreiro, onde os axentes finalmente lograron interceptar ao condutor.

Cando lle solicitaron que se identificase, comezou a empuxar aos policías para intentar sacalos do medio e chegar ao ascensor para subir ao seu domicilio, ata o punto de que chegou a golpear a un dos axentes contra a parede.

Nese momento foi detido, aínda que ofreceu en todo momento "unha grave resistencia".

Posteriormente foi sometido á proba de alcoholemia e deu unha taxa de 0,86 miligramos de alcol por litro de aire expirado, tres veces máis do permitido pola lei.

Os axentes instruíron dilixencias contra el por un delito contra a seguridade viaria e por desobediencia e resistencia grave aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

CONTROIS. Por outra banda, a Policía Local de Lugo informou de que na noite do mércores e durante a madrugada deste xoves outros dous condutores foron interceptados cando circulaban baixo os efectos do alcol.

En concreto, o primeiro deles foi sorprendido ás 23,40 horas, cando os axentes observaron que un turismo circulaba pola rúa Illas Canarias de forma irregular. Ante iso, someteuse ao seu condutor ás probas de alcoholemia, nas que tamén arroxou un resultado positivo de 0,42 mg/ l.

Ademais, ás 3,45 horas deste xoves, outro vehículo foi interceptado cando zigzagueaba pola rúa San Eufrasio. Ao comprobar que o seu condutor presentaba síntomas de embriaguez, os axentes sometérono ás probas de detención alcohólica, nas que arroxou un resultado de 0,94 mg/l.

Ademais das correspondentes dilixencias por circular baixo os efectos do alcol, ambos os condutores foron propostos para sanción por incumprir o toque de queda.