Multa de 900 euros para un policía de Lugo polo atropelo no que morreu unha octoxenaria

O axente asumiu a responsabilidade civil tras un acordo entre as partes
Audiencia de Lugo. AEP
photo_camera Audiencia de Lugo. AEP

Un axente da Policía Local de Lugo aceptou unha condena ao pago dunha multa de 900 euros tras asumir a responsabilidade civil nun atropelo accidental cun coche oficial no que morreu unha octoxenaria. Na vista celebrada este martes na sala segunda da Audiencia Provincial, o axente admitiu a súa culpabilidade tras un acordo entre as partes co que evitou a responsabilidade penal no suceso. 

O accidente ocorreu ao redor das 14.00 horas do 8 de agosto de 2016, cando o procesado subiu a un vehículo oficial que se atopaba estacionado sobre a beirarrúa e ocupando parcialmente un paso de peóns entre as rúas Pontevedra e Freixo de Lugo. A vítima, que se dispuña a cruzar pola zona, foi arroiada polo vehículo cando este daba marcha atrás. A octoxenaria faleceu hora e media despois do accidente, tras ser trasladada ao Hospital Lucus Augusti. 

Durante a vista, o avogado do axente aproveitou para, en nome do seu cliente, lamentar os feitos, que atribuíu a un "accidente sen outra cuestión". O letrado precisou que se trata dun caso que se produce mentres o policía fai exercicio das súas funcións". "Se non fose así isto veríase no xulgado do penal, pero polo feito de estar no exercicio das funcións de policía por iso a audiencia é a competente", indicou.