Condénano a dous anos por roubar oitenta euros nunha lavandería

Forzou a caixa dunha máquina, en Río Ser, e foi identificado "de xeito inequívoco" polas cámaras de seguridade
O xulgado do Penal número 2 de Lugo impuxo unha condena de dous anos de prisión a un home que forzou unha máquina dunha lavandería para levar un botín de 80 euros. A sentenza recolle como feitos probados que o 6 de abril de 2017, sobre as tres da tarde, o acusado acudiu a unha lavandería da Rúa Río Ser, acompañado doutra persoa, que non chegou a ser identificada.

Unha vez alí, o home manipulou a caixa de cambio, forzou o cajetín e apoderouse da recadación, que ascendía a 80 euros. Ademais, causou diversos danos na máquina, aínda que o seu propietario non reclamou ningún tipo de indemnización no procedemento porque xa fora indemnizado pola compañía aseguradora.

Por estes feitos, o acusado foi condenado como autor dun delito de roubo con forza nas cousas, co agravante de reincidencia, xa que tiña polo menos outras tres condenas anteriores por feitos similares. O xuíz aplicoulle tamén a atenuante de drogadicción, ao considerar que actuou "afectado pola súa dependencia ao consumo de estupefacientes".

O acusado recorreu a condena, pero a Audiencia de Lugo confirma a sentenza e explica ademais que o dono do establecemento achegou as gravacións das cámaras de seguridade, nas que a identificación do acusado "resulta inequívoca". A sala considera que a cualificación dos feitos que fixo o xuíz é "correcta", polo que confirma a condena de dous anos de prisión para o acusado.