Condenado en Lugo por colaborar cunha mafia para estafar a unha empresa

Os estafadores ingresábanlle o diñeiro que obtiñan pola técnica do 'phishing' para que o enviase a Ucraína. Imponlle dous meses e multa

Un mozo que colaborou cunha mafia para desfalcar a unha empresa lucense foi condenado polo Penal número 1 de Lugo como cooperador necesario dun delito de estafa. O acusado facilitou unha conta bancaria ao seu nome para que os estafadores ingresasen o diñeiro que lle quitaban ao negocio mediante a técnica do 'phishing'. Posteriormente, o home, A.M.G., enviábao a Ucraína a cambio dunha comisión.

A mafia que creou o plan captou a dous lucenses para levar a cabo o desfalco, pero un deles rexeitou a oferta dos estafadores porque "cheiraba mal". Outro mozo asumiu a súa culpa no Penal número 1 de Lugo e aceptou unha pena de catro meses de cárcere. Este acusado, con todo, nin tan sequera se pesentou ao xuízo —que se celebrou o pasado 30 de xuño— pero a xuíza considerou probado que o mozo seguiu as indicacións dos estafadores "coñecendo, ou tendo por moi probable, que dita operación tiña orixe ilícita".

Os feitos sucederon hai sete anos, a principios de 2010, cando persoas descoñecidas se apoderaron de modo fraudulento —mediante a técnica do 'phising'— dos datos bancarios e as claves persoais de dúas contas correntes que estaban a nome dunha empresa de reformas e decoración. Os estafadores ofreceron por internet unha cantidade de diñeiro, en concepto de comisión, a quen estivese disposto a recibir cantidades procedentes destas contas e remitíseo ao estranxeiro, concretamente a Ucraína, a través de Western Union.

O acusado aceptou o negocio e abriu unha conta ao seu nome nunha entidade bancaria da capital lucense. Acto seguido, o 30 de marzo de 2010, os estafadores ingresáronlle 2.910 euros que obtiveran fraudulentamente dunha conta da empresa.

SOSPEITA. En canto tivo o diñeiro na súa conta, o acusado intentou retirar unha parte e enviar o resto á conta do estranxeiro que lle facilitaron os estafadores. Con todo, o banco desconfiou das operacións e bloqueounas. A entidade logrou recuperar o diñeiro e devolveullo ao empresario.

O mozo que colaborou coa mafia foi xulgado —a pesar que non acudiu á vista— e a xuíza impúxolle unha condena de dous meses de prisión e 720 euros de multa como cooperador necesario dun delito de estafa en grao de tentativa. "Quen se presta interesadamente a converterse en depositario momentáneo de fondos subtraídos", recolle o fallo, "integrará de ordinario o delito de estafa".

Comentarios