Condenado a 4 meses por dicirlle por teléfono á súa exparella que a ía a matar

A pena de afastamento xa estaba cumprida cando se ditou a sentenza

O xulgado do Penal número 2 de Lugo impuxo unha condena de catro meses de prisión a un home acusado de insultar e ameazar de morte á súa exparella.

Segundo se recolle na sentenza, sobre as oito da mañá do 14 de xuño de 2015, o acusado acudiu ao domicilio da súa excompañeira sentimental, sito na capital lucense, e a muller díxolle que non podía atendelo.

O acusado non aceptou a negativa e, dez minutos máis tarde, chamou por teléfono á moza e insultouna. Ademais, díxolle "que baixase á rúa, que a ía a matar".

AFASTAMENTO. O home foi acusado dun delito de ameazas e o xuíz impúxolle unha pena de catro meses de cárcere, así como a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da súa ex ou comunicarse con ela por calquera medio durante un período de 18 meses.

A sentenza explica que a pena de afastamento xa estaba cumprida cando se ditou a sentenza, xa que se lle impuxo de forma provisional mediante un auto xudicial con data de 22 de xuño de 2016. O acusado presentou un recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo, que confirmou o fallo, polo que xa é firme.