Condenado a 114 días de traballos por cortar nun peito á súa noiva

O acusado recoñeceu ante o xuíz que agrediu á súa parella e aceptou tamén dous anos de cárcere, que lle serán suspendidos

Juzgados de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Xulgados de Lugo. XESÚS PONTE

Un lucense aceptou este martes unha condena de 114 días de traballos en beneficio da comunidade por agredir e cortar nun peito á súa compañeira sentimental. O home tamén foi condenado a dous anos de cárcere, pero as partes acordaron suspenderlle esta pena se non volve delinquir nun prazo de tres anos e respecta a orde de afastamento da vítima.

Segundo explicou a Fiscalía, o 15 de maio de 2015, sobre as doce da noite, o acusado golpeou á súa parella e causoulle feridas na boca e no mentón. Tan só catro días máis tarde, sobre a dúas menos cuarto da madrugada, o home agrediu de novo á muller e ocasionoulle varios hematomas nos ollos.

Finalmente, o 26 de febreiro de 2016, ao redor das doce menos cuarto da mañá, o acusado discutiu coa súa compañeira sentimental e, "utilizando un obxecto cortante", agrediuna nun peito e ocasionoulle unha ferida, na que tivo que recibir varios puntos de sutura. Ao día seguinte destes feitos, o xulgado de Instrución número 3 de Lugo ditou unha orde de afastamento que prohibía ao home achegarse ou comunicarse coa vítima por calquera medio.

O acusado recoñeceu este martes ante a xuíza do Penal 1 todos os feitos que se lle imputaban e confesouse culpable de tres delitos de malos tratos e un delito de lesións. O fiscal solicitaba inicialmente para o home unha condena total de sete anos e medio de cárcere, pero as partes chegaron a un acordo e o ministerio público rebaixou a súa petición.

Ademais da pena de dous anos de prisión e 114 días de traballos en beneficio da comunidade, o home foi condenado a indemnizar ao Sergas polos gastos médicos e non poderá achegarse á vítima en tres anos.

Comentarios