Conde destaca o potencial dos proxectos de 'Vía Lugo' para xerar emprego

As propostas que cheguen ao final recibirán financiamento e asesoramento, ademais de infraestruturas para pór en marcha a súa empresa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou este sábado o potencial dos 20 proxectos que se están formando na aceleradora de emprendemento Vía Lugo para xerar riqueza e emprego en Galicia.

Estas iniciativas empresariais están actualmente na fase de Academia do programa de aceleración de Vía Galicia, previa á fase final que reunirá en Vigo a 15 emprendedores escollidos de entre esa vintena de proxectos que se forman en Lugo, e outros tantos que o fan en Vigo.

"Cada un deles, de por si -dixo Conde-, xustificaría a decisión que Xunta e Zona Franca tomamos hai uns meses para pór en marcha Vía Lugo no marco de Vía Galicia, contribuíndo a que esta provincia tivese un ecosistema emprendedor de primeira", afirmou.

Os proxectos que se están formando nas instalacións de Vía Lugo abarcan sectores como o TIC, aplicadas a multitude de ámbitos, desde os medios de comunicación ata o fogar ou as citas online; o agroalimentario, a biotecnoloxía, o aeronáutico, o campo social, o medicamento, a automoción, ou a madeira.

Todos eles, segundo Conde, teñen tres cousas en común: son "ideas que apostan pola innovación como razón de ser"; buscan "transformar a realidade ou a vida cotiá dos lucenses e os galegos, para mellor", e teñen un gran potencial para xerar riqueza e emprego.

Na última fase en Vigo, eses 15 proxectos recibirán 75.000 euros de capital a través da Axencia Galega de Innovación e Xesgalicia, ademais de infraestruturas para pór en marcha a súa empresa e asesoramento experto para desenvolver o seu plan de negocio e captar financiamento.

Comentarios