Unha concorrida xornada sobre porco celta evidencia o bo momento da raza

Máis de 150 persoas reuníronse no Pazo de Feiras de Lugo no regreso da cita organizada por Asoporcel. Catro expertos abordaron a situación da peste porcina africana ou a nova PAC
undefined
photo_camera Asistentes á xornada celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. SEBAS SENANDE

O regreso á presencialidade da Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta en Galicia, que organiza a Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) e que este ano celebrou a súa cuarta edición, foi todo un éxito de afluencia, demostrando así o bo momento que atravesa a raza autóctona. Máis de 150 persoas asistiron á cita no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, onde catro expertos abordaron diversos temas de interese para os produtores e aqueles que desexen incorporarse ao sector.

A xornada, que estivo conducida polo xornalista da TVG Manuel Cruz, arrancou coas intervencións do director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez; da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; do delegado territorial da Xunta, Javier Arias; da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández.

Todos eles puxeron en valor o traballo e o esforzo realizado por Asoporcel para que "en poucos anos" se pasase de falar da "práctica extinción da raza de porco celta a falar dun crecemento enorme", detallou Fernández en nome da Deputación, que colabora coa entidade aportando 39.000 euros este ano. Pola súa parte, a Xunta achega 160.00 euros co fin de apoiar "o labor" do colectivo "na conservación e promoción da raza e na mellora concreta das explotacións", indicou Javier Arias.

Así mesmo, Isabel Rodríguez aproveitou a súa intervención para destacar os 26,7 millóns de euros que o Goberno comezou a transferir a Galicia "para os pagos anticipados das axudas directas da PAC» e así "dotar de maior liquidez ás explotacións".

Relatores. Da Política Agraria Común tamén falou José Manuel Ferreiro, xefe do servizo territorial do Fogga en Lugo, que explicou no seu relatorio a transición do sistema de dereitos de pagamento básico cara ao de axuda básica á renda e as contribucións medioambientais, onde se inclúe unha liña de razas autóctonas en perigo de extinción que é especialmente relevante para os produtores de porco celta, unha raza que conta con máis de 4.000 exemplares rexistrados en Galicia e que ten na provincia de Lugo o seu maior expoñente: é a que conta cun maior número de produtores.

Antes de Ferreiro interviu Frances Accensi. Este profesor da facultade de Veterinaria da UAB afondou nas orixes e na situación actual da peste porcina africana, "unha enfermidade hemorráxica que a día de hoxe está producindo unha grave pandemia no porcino". Detallou, ademais, as claves para o seu control, que pasan por "un diagnóstico precoz, a aplicación de políticas de baleirado sanitario e o reforzo da bioseguridade nas granxas", tal e como indicou.

Pola súa banda, Guillermo Ramis, da facultade de Veterinaria da Universidad de Murcia, abordou a influencia da xenética nas enfermidades emerxentes ou reemerxentes, ao tempo que subliñou a "rusticidade e posible endogamia" da raza de porco celta.

Repasou tamén a influencia da xenética dos patóxenos e dos propios porcos, mentres que Ignacio Ortolani, de Agrifirm España, centrou a súa charla nas claves de manexo da porca reprodutora desta raza. Tamén enunciou criterios para un uso correcto da alimentación, área na que achegou tamén recomendacións nutricionais para cada fase produtiva.

Comentarios