Unha firma explotou gratis publicidade en mobiliario público de Lugo catro anos

O Concello rescatou 142 superficies que agora serán utilizadas para dar información municipal

Renovación de un mupi. EP

O goberno local de Lugo anunciou este mércores que os 71 soportes publicitarios dos que dispón o Concello na vía pública foron recuperados para uso propio e serán utilizados para informar as actividades do Concello e para mostrar aos cidadáns outra información de interese, como prestacións que están a disposición dos veciños.

O Concello rescatou o mobiliario urbano, que xa era da súa propiedade, despois de que unha empresa de publicidade estivese a facer uso del de forma irregular desde setembro de 2016, cando caducou o contrato que tiña coa administración municipal. A firma seguía cobrando aos seus clientes pola publicidade pero non pagaba ningún canon ao Concello e a situación foi denunciada en varias ocasións pola oposición, especialmente por Lugonovo, no anterior mandato.

En xuño de 2018, e en base aos prezos do sector da publicidade en Lugo, Lugonovo calculaba que o Concello levaba perdidos uns 250.000 euros. A concelleira de gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que a situación se arranxou" en outubro pasado, cando se ordenou á empresa que deixase de facer uso dos mupis e a firma entregou as chaves destes elementos, que teñen dúas caras e polo tanto suman 142 as superficies expositivas.

Estes espazos serán utilizados agora como "altofalantes da programación lúdica, cultural, xuvenil e mesmo das iniciativas abertas á concorrencia como as actuacións de emprendemento empresarial proxectadas dende o CEI-Nodus ou mesmo a apertura de convocatorias de subvencións públicas", explicou Alvarellos, que non precisou se se manterá este uso ou está previsto sacar a explotación este mobiliario.

Comentarios