O Concello recorre á Valedora polo lixo na Garaballa

A concellaría de medio ambiente pídelle que interveña a Policía Autonómica para erradicar o vertedoiro incontrolado na zona
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Lixo na Garaballa. EP

As verteduras ilegais na Garaballa non cesan e o goberno loca decidiu recorrer á Valedora do Pobo para pedirlle que inste á Policía Autonómica a reforzar a vixilancia para acabar co problema ambiental.

O departamento de Álvaro Santos apuntou este xoves que o Concello limpou ata seis veces a zona nos últimos anos, sen que eses dispositivos sirvan para acabar cos verteduras.

Roupa e cascallos son os residuos que máis se acumulan no lugar, segundo o resultado das operacións intensivas de limpeza realizadas en outubro de 2017, abril de 18, xaneiro, febreiro e marzo de 2019 e comezos de 2020.

O Camiño do Cortizo está no eixo do problema e as actuacións municipais repetíronse nese punto, para garantir a salubridade dos residentes nesa contorna e para evitar danos pola contaminación. Con todo, o problema non se frea, segundo comunicou Santos, que entende que debe intervir a Policía Autonómica porque nese vertedoiro, e noutros de Lugo, aparecen residuos considerados industriais e, nalgúns casos, perigosos.

Santos explicou que se decidiu pedir á Valedora do Pobo que actúe para que sexa ese corpo policial quen investigue as verteduras que se producen.

Santos fai esa petición despois de que a Valedora do Pobo se interesara polo problema, dadas as queixas cidadás que se producen polas verteduras.

O concelleiro de medio ambiente apuntou que, a pesar de que o Concello realiza labores periódicos de vixilancia, a proximidade dos polígonos do Ceao e As Gándaras dificulta a posibilidade de detectar as verteduras no momento no que se producen.

Por iso, di, é preciso iniciar un traballo de colaboración entre administracións para intentar acabar dunha vez por todas co problema, que se repite nesa zona da cidade, pero tamén noutros moito puntos do municipio, que regularmente aparecen cubertos de lixo.