O Concello pagará a un funcionario 30.000 euros tras deixalo sen emprego

Non se reincorporou ao ter unha invalidez, pero cobrou o salario que deixou de percibir en case dous anos
Concello de Lugo. EP
photo_camera Concello de Lugo. EP

O Concello deberá abonar unha indemnización de 30.000 euros, en concepto de dano moral, a un funcionario que foi suspendido, indebidamente, de emprego e soldo pola institución municipal, resolución que foi recorrida ante o Xulgado do Contencioso.

Este funcionario –que agora xa non está no Concello ao serlle recoñecida unha invalidez– foi obxecto dun expediente sancionador hai un tempo tras o cal foi suspendido de emprego e soldo. Finalmente, o traballador chegou a ser expulsado do Concello a pesar de que caducara o expediente administrativo do que foi obxecto.

A consecuencia disto, o funcionario estivo máis de dous anos sen cobrar a pesar de ter a unha familia ao seu cargo e a sufrir importantes problemas de saúde.

O funcionario recorreu a resolución municipal ante o Contencioso, que chegou a anular a sanción de expulsión. Esta decisión foi recorrida polo Concello de Lugo pero, finalmente, a sentenza foi confirmada a favor do funcionario.

Por mor desta resolución xudicial, o Concello debería readmitir ao funcionario pero non se chegou a reincorporar debido a unha invalidez que lle foi recoñecida e que lle impedía volver traballar na institución municipal.

En cambio, o Concello viuse obrigado a abonar ao traballador os salarios deixados de percibir durante eses dezanove meses.

INDEMNIZACIÓN. Unha vez que a sentenza definitiva do Contencioso foi firme, o funcionario formula unha nova demanda por danos e prexuízos contra o Concello, que acaba de ser estimada fixando o pago dunha indemnización ao traballador, por parte da institución municipal, de 30.000 euros en concepto de dano moral pola apertura do expediente que o levou a ser expulsado do Concello.

Comentarios