O Concello de Lugo negocia a renovación do contrato de atención do Gustavo Freire

Maite Ferreiro explica que este servizo é necesario para manter a programación cultural no auditorio municipal
Maite Ferreiro.EP
photo_camera Maite Ferreiro, concelleira de cultura de Lugo. EP

A concelleira de cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, afirmou que o goberno local está a traballar na renovación do contrato de atención do auditorio municipal Gustavo Freire. Explicou que "este contrato é necesario para garantir o funcionamento do auditorio municipal e atender as necesidades dos distintos grupos de música, teatro e danza que utilizan as instalacións".

Ferreiro recordou que o auditorio Gustavo Freire acolleu "durante o ano de pandemia máis dun cento de actividades culturais seguras" e avanzou que "esta instalación continuará a acoller unha programación variada, con espectáculos para os distintos públicos, garantindo que toda a veciñanza poida acceder a actividades culturais que correspondan cos seus gustos".

A responsable de cultura indicou que o goberno local está a traballar "na mellora deste contrato, o que nos permitirá avanzar na calidade e atención deste espazo".

En canto ás perspectivas de inauguración do novo auditorio de Magoi, Maite Ferreiro indicou que "seguimos a traballar na súa reparación, despois de que a Xunta de Galiza o entregase en mal estado".

Comentarios