O Concello de Lugo investirá tres millóns para fomentar a recuperación

Destinaranse a axudas directas a empresarios e autónomos para superar a crise xerada polo covid
Lara Méndez, en el pleno telemático
photo_camera Fachada do Concello de Lugo. AEP

O Concello de Lugo destinará máis de tres millóns de euros a axudas municipais para "loitar, xunto coa sociedade civil, pola recuperación económica e social" do municipio, segundo explicou este xoves a alcaldesa, Lara Méndez. O Concello de Lugo celebrou este xoves pleno ordinario e a alcaldesa da cidade explicou que o Plan Estratéxico de Subvencións destinará un terzo da súa asignación anual a axudas directas para que empresarios e autónomos poidan remontar a crise provocada pola pandemia.

"O 2021 debe ser o ano da recuperación", dixo Méndez, quen asegurou á prensa que o goberno local, desde a declaración do Estado de Alarma, estivo "sumando esforzos para arroupar aos sectores produtivos do municipio, coa finalidade de manter os postos de traballo e a estabilidade salarial das familias".

Tamén, asegurou, para tecer "unha rede que nos permita non só superar a crise social e económica derivada desta crise sanitaria, senón saír fortalecidos" para afrontar "a etapa, moi complexa, que se aveciña". Nese sentido, anunciou que a área de Benestar disporá de 730.000 euros para colaborar con diversas entidades sociais e ofrecer axudas para o aluguer de vivendas ou programas de urxencia social.