O Concello de Lugo deberá indemnizar con 1,7 millóns á adxudicataria da Fábrica da Luz

A xuíza atribúe ao Concello unha actitude neglixente por deixar caducar o permiso para a explotación eléctrica
Fábrica de la luz. ANA SOMOZA
photo_camera Fábrica da luz. ANA SOMOZA

O xulgado Contencioso Administrativo 1 de Lugo emitiu unha sentenza na que condena o Concello de Lugo a pagar 1.710.241 euros á empresa Inca, concesionaria da Fábrica da Luz, en concepto de indemnización polas obras realizadas na instalación e polo beneficio que xa non vai poder obter da mesma, debido a que os responsables municipais deixaron caducar o permiso para a explotación eléctrica.

Esta actuación é a clave de decisión da xuíza Olalla Díaz:  "Foi determinante, e xa que logo esencial, o feito de non pedir a prórroga da concesión no mes de novembro de 2016", escribe na súa sentenza, para engadir: "Resulta máis que evidente que o Concello debe responder porque incorreu nun incumprimento esencial contractual, pois existiu unha actuación neglixente por omisiva, traducida na imposibilidade de executar o contrato".

Deste xeito, dá por resolto o contrato entre Inca e o Concello, polo que a empresa tiña que realizar as obras de posta a piques da Fábrica da Luz a cambio da súa explotación eléctrica durante 38 anos, e determina que a empresa ha de ser indeminazada. A xuíza rexeita moitas das partidas que reclamaba a empresa para reducir o importe final a 1,7 millóns. 457.061 son en concepto de dano emerxente, é dicir, gastos asumidos a firma durante todo este proceso. Pero a principal partida é polo lucro cesante, o beneficio que supostamente Inca ía obter durante a vida da concesión: 1.184.407 euros.

Os servizos xurídicos municipais están a estudar o fallo xudicial, que podería recorrerse ante o TSXG

Ademais, a xuíza estable unha cantidade de 724.090 euros en concepto de turbinas e materiais e equipamentos eléctricos que Inca di adquirir para a Fábrica da Luz, pero considera que en calquera caso todo ese material, de existir, pasaría a ser propiedade do Concello de Lugo, que só o deberá pagar se realmente pasa ás súas mans. Así, a sentenza deixa o pago deses 724.000 euros "condicionado á previa entrega ao Concello de Lugo de todas as subministracións, elementos e materiais aos que se refiren as facturas correspondentes, acompañando toda a documentación pertinente, inclusive os certificados ou documentos acreditativos das garantías legais. Se non se produce dita entrega, o Concello non estará obrigado a abonar a referida indemnización".

REACCIONES. Tras facerse pública a sentenza, que non é firme e pode recorrerse ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a alcaldesa, Lara Méndez, asegurou que os servizos xurídicos municipais están a estudar os seus termos e que se adoptará a mellor decisión para os lucenses.

O PP, a través do concelleiro Antonio Ameijide, recordou que "a obra da Fábrica da Luz nació condenada a fracasar xa que se iniciou no ano 2008 cunha concesión que estivo baixo investigación xudicial, na que participaron o ex alcalde López Orozco e o que despois se autodenominaría como cacique moderno, o exconcelleiro socialista Liñares. E se xa comezou viciada esta obra, despois foi boicoteada desde dentro. A realidade é que o concelleiro do PSOE con responsabilidades directas e exclusivas na xestión do medio ambiente na cidade e da Fábrica da Luz, Daniel Piñeiro, está vinculado a asociación que denunciou esta obra".

Respecto diso, Ameijide afirmou que "Daniel Piñeiro tivo mes e medio sobre a mesa, sen firmar, a solicitude da prórroga de concesión e cando tivo a ben asinala xa estaba fóra de prazo provocando que se iniciase o expediente de caducidade desta concesión hidráulica do Concello de Lugo". Deste xeito, instou a Lara Méndez a reclamar aos responsables socialistas desta xestión que asuman os custos da indemnización.

Comentarios