Lugo activará esta madrugada un dispositivo especial pola alerta por frío

O Concello mobilizará a partir das 4.00 horas un camión que esparcirá sal por distintos puntos da cidade
Helada junto a la autovía. AEP
photo_camera Helada junto a la autovía. AEP

O Área de Medio Ambiente do Concello de Lugo activará na próxima madrugada un dispositivo especial ante a alerta amarela por frío que deixará os termómetros da capital luguesa por baixo dos catro graos baixo cero.

Segundo informou o Concello de Lugo, un operativo especial reforzará o servizo de limpeza viaria do municipio ante a chegada dunha alerta amarela por baixas temperaturas que afectará á capital.

En concreto, indica que a partir das 4,00 horas deste martes un camión satélite cun condutor e dous peóns botará sal en todos os puntos da cidade nos que se poidan formar placas de xeo, con especial atención ás inmediacións dos centros médicos e ás contornas educativas nos que se atopan os centros escolares, paradas de autobús, indicou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

O edil fixo un chamamento á cidadanía para pedirlle que "extreme as precaucións ante a situación meteorolóxica adversa" que vai afectar a Lugo na noite do luns ao martes, tanto se se desprazan a pé como en coche, "ante o risco de poder atoparse con xeadas de consideración na calzada", abunda. 

A Xunta de Galicia activará desde as 0.00 horas deste martes ata as 10.00 o aviso de alerta amarela por frío en practicamente todo o territorio da comunidade, a excepción do litoral. Lugo espera unha xornada con néboas no interior e nubes de estancamento ao norte da provincia.

Ademais da cidade de Lugo, Ourense tamén espera temperaturas por baixo dos 0 graos. Segundo estas estimacións, na primeira das cidades o mercurio caerá ata os -4 graos, mentres que na segunda esborrallarase ata os -5.

Comentarios