O Concello licitará na praza de abastos e o mercado 26 postos e acabará o soto en 2020

Os espazos de venda adxudicaranse por 25 anos e valorarase a experiencia, os servizos que ofrezan aos clientes e o emprego que xeren
Plaza de abastos de Lugo. AEP
photo_camera Praza de abastos de Lugo. AEP

A concellaría de participación cidadá e servizos xerais ultima as bases para sacar a concurso 13 postos de venda na praza de abastos e 13 no mercado de Quiroga Ballesteros, moitos dos cales levan anos baleiros ou co contrato caducado. Actualmente hai 35 e 20 postos, respectivamente, ocupados en cada unha das instalacións.

A concelleira Cristina López tamén anunciou que se reservará diñeiro en 2020 para acabar a obra do soto, que quedou pendente da reforma da praza que levou a cabo en 2016. Será unha obra de bastante envergadura porque en 2016 non se fixo moito máis que demoler as mesas de venda, que eran de pedra, e habilitar un paso subterráneo ata o aparcadoiro de Santo. Por esa razón, a área nacionalista do goberno prevé levala a cabo ao mesmo tempo que a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros.

A peonalización xa dispón de orzamento, tras a recente aprobación de crédito polo pleno, pero está pendente de licitar. A partida para o soto irá no orzamento municipal de 2020, que o goberno quere ter listo para que entre en vigor o 1 de xaneiro, e o proxecto aproxímase aos 400.000 euros, indicou López.

Respecto dos postos que se sacarán a concurso, a concelleira explicou que as bases están a ser revisadas polo servizo de contratación e que, en principio, a idea é valorar a experiencia nestes espazos. O obxectivo é que aqueles comerciantes a quen, na última década, adxudicóuselles o posto por catro anos e aos que, superado ese prazo, non se lles deu a opción de legalizar a súa situación, poidan facelo agora con algunha vantaxe de partida.

Os placeiros pagan ao mes 13,18 euros por metro cadrado, no caso dos postos fixos

á hora de puntuar as propostas que se reciban valorarase a actividade de que se trate -"loxicamente, non se axusta calquera actividade", apunta López-, os servizos que se ofrezan aos clientes, a experiencia na actividade para a que se solicite posto e o número de empregos que xeren, entre outros criterios. "Non se pedirá oferta económica", explicou a concelleira, quen sinalou que os postos se ofrecerán cos prezos que hai aprobados actualmente. O período de concesión será de 25 anos. "Non é o mesmo facer un proxecto e un investimento pensando en ter que rendibilizalo en catro anos que ver que tes moito máis tempo por diante. E lla actividade non funciona, pódese renunciar ao posto sen penalización", explicou a concelleira.

López di que, nos poucos meses que leva á fronte da área de mercados, constatou que hai emprendedores con interese en instalarse nos espazos de Quiroga Ballesteros, entre eles, varios vinculados a servizos de hostalería. Na praza hai actualmente dúas cafeterías e no mercado, dous restaurantes. Un está nos soportais e outro no interior, de pasta italiana que se elabora noutro posto que tamén está situado nas instalacións municipais. Hai anos chegou a haber outro restaurante dentro do mercado, pero funcionou moi pouco tempo.

PREZOS. Os placeiros pagan ao mes 13,18 euros por metro cadrado, no caso dos postos fixos. A iso súmanse 4,48 euros por metro cadrado de cámara frigorífica e 2,40 euros metros por metro cadrado de almacén. As taxas do mercado tradicional -o que se celebra no soto- son de 1 euro por metro cadrado e día e as do mercado das flores, de 5,15 euros por metro cadrado. Os prezos son de 2017. Desde entón non se revisaron e non está previsto que se faga a curto prazo, segundo asegura a concelleira.

O mercado de Quiroga Ballesteros e a praza de abastos foron obxecto de investimentos importantes nos últimos anos. Serviron para modernizar a imaxe de ambos os espazos e os cambios non estiveron exentos dalgunhas críticas, sobre todo dos placeiros. Agora o Concello pretende rematar a obra co acondicionamento do soto, que obrigará a desprazar o mercado dos martes e venres aos soportais de Quiroga Ballesteros mentres duren os traballos.

Comentarios