O Concello de Lugo leva o pago con cartón ás piscinas para eliminar o diñeiro

Instalaranse TPV nas instalacións tras advertir a tesourería que se necesita un control

Piscina de Frigsa. AEP
photo_camera Piscina de Frigsa. AEP

Os usuarios das piscinas municipais poderán pagar con cartón a partir da próxima semana, segundo confirmaron este martes fontes do Concello, que explicaron que está prevista a instalación de tres TPV nas instalacións de Frigsa e As Pedreiras, así como nas oficinas da Casa do Deporte. A intención do goberno local é manter aínda o cobro en efectivo, sobre todo porque hai usuarios sen bono que pagan a entrada do día. Con todo, este sistema de pago nas piscinas do Concello podería ter os días contados por mor dun informe elaborado pola tesourería municipal no que se considera urxente a instalación do pago por cartón para que haxa un maior control da caixa auxiliar de efectivo do servizo de deportes.

Segundo se indica neste informe, nos últimos meses xubiláronse o xefe dese servizo e outra funcionaria, polo que na actualidade só hai un encargado de mantemento e un empregado temporal por seis meses por acumulación de tarefas. Por iso, e "a fin de minimizar o risco de menoscabo de caudais públicos asociado ao seu funcionamento", exponse a instalación das TPVs nas dúas piscinas e na Casa do Deporte "con carácter urxente, xa que a situación que se xerou non permite aprazar dita decisión".

NIN CON CARTÓN CIDADÁN. O informe tamén sostén que a implantación do pago con cartón bancario suporía unha mellora na atención ao cidadán, que agora mesmo non dispón dese método de abono. De feito, os usuarios das piscinas tampouco poden pagar co cartón cidadán, que agora só serve para abonar viaxe en bus urbano.

A entidade que instalará os TPVs será Abanca e prevese que cobrará unha comisión anual de 800 euros polo servizo.

Comentarios