O Concello invita a chocolate o venres para acender a iluminación

Haberá un photocall, panxoliñas e globos para os nenos. Este ano haberá 341 puntos de luz, un 53% máis que en 2017

A iluminación do Nadal de Lugo acenderase o venres, se non hai ningún novo contratempo, e o Concello preparou un acto lúdico para ese momento, "tan máxico e agardado". A partir das seis e media da tarde haberá un acto institucional que concluirá cunha chocolatada con churros, "entre outras sorpresas". O chocolate será sen gluten e tamén se servirán doces para persoas con intolerancia a esta proteína.

O goberno local cita aos veciños a esa hora na Praza Maior, diante da casa consistorial, onde soarán panxoliñas grazas ás pandereteiras da Escola Municipal de Música.

O Concello tamén repartirá globos e instalará un photocall, para que os veciños poidan fotografarse e compartir as imaxes nas redes sociais co hastag #NadalLugo.

O goberno local pretende contrarrestar a polémica xurdida coa iluminación do Nadal, que debía acenderse o 30 de novembro. O atraso na licitación e outros contratempos que non chegaron a explicarse motivou que o contrato con Electromiño non se asinase ata o 3 de decembro e que as luces non poidan acenderse ata o venres. A empresa adxudicataria, a única que se presentou, empezou a instalar os arcos o luns e este martes o traballo xa estaba moi avanzado.

Lugo será a última cidade galega que acenda as luces de Nadal, o que motivou enérxicas protestas dos comerciantes. Estes agardan que o aumento orzamentario (de máis do 200%) se note nas rúas, aínda que hai partidos da oposición, como Ace-EU, que non comparten o aumento do gasto. Outros, como Lugonovo, queren saber se, ao ser menor do que estaba previsto a duración do servizo, tamén será menor o importe que se pagará a Electromiño.

O goberno local, pola súa banda, informou de que este ano haberá 341 puntos de iluminación, un 53% máis que en 2017. Incorpóranse decoracións novas, como unha figura na Praza Camiño Primitivo, e por primeira vez ilumínase toda a Avenida da Coruña, por exemplo. Tamén haberá luces en edificios como O Vello Cárcere e a Praza.

Comentarios