O Concello esixiu o peche do Garañón e sigue buscándolle solución

2020072211192883818
photo_camera Vista das torres do Garañón. SEBAS SENANDE

O Concello requiriu á propietaria do Garañón o peche e a limpeza do solar, e aínda que os traballos se comezaron non chegaron a concluírse, polo que se volverá esixir á empresa que actúe e garanta a seguridade no interior do recinto.

Despois de que se coñecese a primeira morte nas torres do Garañón e de que continúen as perigosas entradas de adolescentes ao edificio, o goberno local asegurou o martes que non descarta executar a limpeza e o peche de forma subsidiaria, se a empresa non actúa de forma inmediata. Iso levaría que sería o Concello quen abordase a limpeza e o peche e despois cobraría eses traballos á firma propietaria.

O goberno local tamén recalcou que os problemas de seguridade que se dan no edificio son responsabilidade da empresa propietaria. No seu día foi o xulgado o que ordenou o precinto da urbanización, pero esa clausura vulnerouse de forma sistemática, o que propiciou sobresaltos frecuentes aos veciños desa zona da cidade.

En tanto, o Concello recordou que ten aberto o proceso de adxudicación a unha empresa do proxecto de redacción do plan parcial para definir a reconversión do solar.

A empresa que se seleccione terá que presentar tres propostas e, unha vez elixida a definitiva, disporá de tres meses para elaborar a súa proposta, que terá que recoller o proxecto urbanístico para os terreos e tamén a proposta económica para a compensación á empresa propietaria dos terreos.

O Concello defendeu o martes que o seu propósito é que non haxa un edificio no Garañón e que aposta por sumar eses terreos á zona verde que conforma o Parque de Rosalía de Castro.

No entanto, o goberno subliña que non hai ningunha sentenza que obrigue á demolición das torres do Garañón, xa que as resolucións xudiciais o que fixeron foi anular as licenzas de edificación e urbanización.

Con todo, insistiu en que a súa vontade é que eses terreos se convertan nun espazo verde que encaixe no modelo de cidade sostible que se pretende desenvolver na capital.

O goberno sostén que a súa vontade é lograr a mellor solución para a cidade, co menos impacto económico posible.

Comentarios