O Concello estimou 47 reclamacións nun ano por contratempos nas rúas

O servizo xurídico pechou 204 demandas de cidadáns desde o mes de outubro de 2019
Concello de Lugo. EP
photo_camera Concello de Lugo. EP

O Concello de Lugo estimou 47 reclamacións por contratempos nas rúas desde outubro de 2019, segundo un balance realizado onte polo goberno local, que defendeu a eficacia dos servizos municipais á hora de responder a demandas de compensacións realizadas por cidadáns.

En outubro de 2019 incorporouse unha nova letrada á asesoría xurídica municipal e desde entón o servizo atendeu 251 reclamacións patrimoniais, das que pechou 204. Delas, tanto en vía administrativa como xudicial, aceptáronse 47, o que supón o 11'79% das demandas expostas, sinalou o Concello.

Quedan 26 reclamacións pendentes de resolución debido, segundo o goberno, á cantidade de probas e informes a realizar.

Despois de que o PP denunciase varios casos de demoras de ata tres anos na resolución das reclamacións veciñais, o goberno local sostivo que en ningún caso hai abandono na tramitación, "como maliciosamente insinúa Ramón Carballo na procura de réditos propios". 

O goberno local cualifica, así, de "sesgado" o informe elaborado polo PP, no que esa formación recolle varios casos de longas demoras na tramitación das indemnizacións por contratempos en vías públicas.

O goberno alega que acelerou as valoracións de 2019 e que os casos abertos débense á esixencia de informes

Así, o goberno local di que a media de 822 días para resolver reclamacións denunciada por Ramón Carballo calcúlase tomando como mostra "os casos máis anecdóticos nos que se detecta unha maior dilación": 

Os cinco casos expostos polo PP, que se acaban de resolver e teñen a súa orixe en sinistros ocorridos en 2017, prolongáronse pola necesidade de solicitar informes a outros servizos, argumentou este mércores o goberno local.

O goberno local censurou as críticas realizadas polo líder da oposición municipal, ao que achacou "un comportamento que, unha vez máis, pon de manifesto non só a falta de rigorosidade que define o labor desenvolvido polo principal grupo da oposición senón que ademais amosa un descoñecemento absoluto sobre as esixencias de cada un dous procedementos aos que aluden e, o que é peor, evidencia a súa falta de reparos en terxiversar os datos, aínda que sexa á conta de tratar de comprometer o traballo realizado polo persoal municipal". 

Comentarios