O Concello non esixe o inglés ao persoal da oficina de turismo e os museos

O PP critica que no concurso de xestión dos centros conste que os empregados deben de saber galego e non outros idiomas O goberno alega que é difícil contratar titulados, pero que pedirán que teñan formación en linguas estranxeiras

Oficina de turismo. EP
photo_camera Oficina de turismo. EP

O inglés, considerada como lingua franca para viaxar polo mundo sen necesidade de coñecer o idioma local, non é para o Concello de Lugo un requisito indispensable á hora de contratar persoal para atender a oficina de turismo ou os museos municipais. De feito, o PP desvelou este venres que o prego de condicións do novo concurso para a xestión destes centros non esixe que as empresas dispoñan de persoal con titulación en inglés nin outros idiomas estranxeiros, aínda que si pide que posúan o diploma Celga 4 de galego.

O goberno local explicou que a decisión se adoptou despois de que os técnicos municipais recomendasen non incluír, como ata agora, no prego de condicións do novo concurso a esixencia de titulación en inglés debido a que algunhas empresas trasladaran ao Concello que lles resultaba difícil atopar traballadores con esta cualificación. Con todo, engaden que nas bases faise constar que se lles vai a esixir ás adxudicatarias que o persoal teña coñecementos en idiomas ou que se comprometa a darlles formación.

Segundo o informe dos técnicos que consta nas bases do concurso, "a supresión do requirimiento do título oficial en inglés equivalente ao B1 é consecuencia da reflexión realizada sobre as necesidades reais da prestación do servizo" e engádese que "para desenvolver dunha forma apropiada esta función requírese un dominio do idioma a nivel práctico, circunstancia que, ás veces, un diploma non chega a asegurar totalmente".

A decisión contrasta co feito de que o prego si esixe que o persoal de atención dos centros teña o título acreditativo de Celga 4 de galego, algo que o portavoz municipal do PP, Antonio Ameijide, considera "incongruente".

O edil anunciou que pedirá explicacións ao goberno local sobre os motivos de non esixir un diploma acreditativo de coñecemento de inglés no proceso de selección do persoal que traballará nos museos e a oficina de turismo, unha medida que á súa entender aseguraría que este persoal ten un dominio do idioma. Posteriormente, expón que os empregados pasen unha proba práctica que garanta o uso fluído desa lingua.

Os hostaleiros, cun plan para ensinar inglés básico aos traballadores, recoñecen que o nivel actual no sector é malo

"Sería o máis lóxico", di, aínda que se lamenta de que nos pregos o goberno local "fíase máis do que diga a empresa adxudicataria sobre os coñecementos de idiomas dos traballadores que dun título oficial ou dun exame práctico", afirmou o popular, que engade que nas condicións do concurso establécese que "o dominio de inglés será acreditado pola empresa".

Ademais, Ameijide destaca que en España hai numerosos concellos que si solicitan títulos oficiais que "certifiquen" os coñecementos do idioma e, a maiores, realizan algún tipo de proba oral para certificar que se posúen os coñecementos necesarios para desenvolver as tarefas precisas do posto de traballo. Entre os exemplos que cita o popular están os concellos lucenses de Paradela ou Ribadeo, ou o consorcio da Coruña.

HOSTALEIROS. Un sector que traballa directamente cos turistas é o dos hostaleiros e a Asociación de Hostalería recoñece que o nivel de inglés no sector é en xeral "malo" e que "hai que porse as pilas", en palabras do seu presidente, Cheché Real. A asociación seguirá cun plan de formación para que o persoal teña polo menos un nivel básico e tradúzanse as cartas.

Comentarios