O Concello de Lugo enfróntase a máis de 200 reclamacións de indemnizacións

As demandas por responsabilidade patrimonial poderían sumar 150.000 euros

Enrique Rozas. EP
photo_camera Enrique Rozas. EP

LUGO. O Concello ten sobre a mesa, sen resolver, un total de 218 reclamacións por responsabilidade patrimonial, segundo indicou o viceportavoz do grupo municipal do PP, Enrique Rozas, a tenor dun informe da asesoría xurídica. Rozas matizou que, desta cantidade, 174 dependen exclusivamente do Concello, mentres que os restantes están pendentes de procedementos contecioso-administrativos. Estas demandas supoñen un desembolso de 94.080 euros, aos que habería que sumar outros 41.079 por varias sentenzas nas que se certifica a responsabilidade municipal e en concepto de costas xudiciais.

O viceportavoz do PP sinala que as reclamacións por incidencias nas que o Concello ten responsabilidade —e polo tanto debe asumir o pago de indemnizacións foron aumentando ano tras ano desde que Lara Méndez asumiu a alcaldía. Rozas sinala que en 2013 houbo 57 e en 2017 chegaron a ser 98, o que cualifica de máximo «histórico». O incremento explícase, apunta Rozas, polo «abandono por parte dous socialistas do mantemento diario de servizos básicos: fixación de colectores, reposición de tapas de sumidoiros ou arranxo de pavimento en vía pública, entre outras cuestións».

Os populares manifestaron o seu temor de que o número de reclamacións continúe aumentando dado que no que vai de 2018 xa se rexistraron un total de 46.

PLUSVALÍA. Enrique Rozas tamén criticou que o Concello siga cobrando o imposto de plusvalía sen informar aos lucenses do seu dereito a solicitar a devolución desta taxa se se pagou indebidamente, así como de que ese dereito se extingue aos catro anos anos. O PP sinala que se rexistraron 154 peticións de devolución da plusvalía, o que supón un importe total de preto de 300.000 euros, e recorda que varias sentenzas se pronunciaron en contra de cobrar a plusvalía en inmobles que non experimentaron incremento de valor e condenaron aos concellos a reintegrar as cantidades ingresadas.

Comentarios