O Concello contrata o anteproxecto dos baños de auga quente no Miño

As termas ou piscinas por xeotermia situaranse na contorna do río

Las piscinas se ubicarán en el entorno del Miño. AEP
photo_camera As piscinas situaranse na contorna do Miño. AEP

O Concello lucense acaba de aprobar o anteproxecto para a contratación -á empresa Calcugal S.L.- do estudo de viabilidade, deseño e anteproxecto das termas ou piscinas de auga quente non medicinal por xeotermia, que se situarán na contorna do río Miño. Esta iniciativa que se desenvolve a través da estratexia europea Dusi e dos Fondos Feder, enmárcase entre os obxectivos de mellora do medio ambiente e da promoción dos recursos naturais do programa Muramiñae, impulsado polo Concello para conseguir unha maior integración da cidade e o río.

Tal e como explicaron desde o consistorio lucenses, estas piscinas, que serán de acceso público, non afectarán o caudal do río Miño, xa que as augas que se utilizarán serán da traída. Ademais, o anteproxecto será "o máis integrador posible coa contorna e intentará buscar o menor impacto ambiental e paisaxístico posible", apuntan.

"Con esta acción", apuntan desde o Concello, ademais de revitalizar a contorna do río, incrementarase os recursos destinados ao lecer dos lucenses, pero tamén se engade un atractivo máis á oferta turística da cidade, vinculada ao seu pasado romano, xa que os baños públicos formaban parte do seu modo de vida.

OURENSE. A veciña cidade das Burgas foi a referencia que se puxo encima da mesa cando se abriu o debate en Lugo sobre o aproveitamento como piscinas de uso público das augas termais que están nas marxes do río Miño, ao seu paso pola capital lucense. E é que un dos encantos que ten a veciña cidade de Ourense é a súa condición de capital do termalismo, o que aproveita como reclamo turístico.

A Cidade das Burgas, que debe ese nome ás súas fontes de auga quente, conta con cinco termas ao aire libre de uso gratuíto para o baño e outras dúas instalacións privadas, cuxo prezo oscila entre 4 e 5,50 euros. A diario reciben por centos de usuarios.

Lugo espera ter no futuro un reclamo similar que permita gozar aos lucense e que atraia visitantes a unha cidade que gaña cada día máis turistas, atraídos pola muralla, a catedral e a gastronomía lucense, entre outros reclamos.

Comentarios