Concello de Lugo e Confederación custearán a obra para desbloquear o plan Paradai

Asumirán un investimento de 650.000 euros para legalizar a rotonda de Serra de Meira e evitar risco de inundacións
imgData
photo_camera Rotonda de Serra de Meira. EP

O Concello de Lugo e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil custearán o proxecto para legalizar a rotonda de Serra de Meira e evitar inundacións na zona, paso necesario, entenden, para desbloquear a continuidade do plan Paradai.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación, José Antonio Quiroga, asinaron un convenio de colaboración que, dixeron, permitirá dar solución ao risco de inundacións xerado pola rotonda construída pola Xunta en 2015.

A intervención, apuntaron, fará posible avanzar nas obras pendentes do plan Paradai, asinado entre o Concello e a Xunta en 1999 e do que seguen pendentes obras como a da reforma da Calzada das Gándaras.

Lara Méndez: "Lugo non se pode permitir non evolucionar como cidade verde, sostible e ben comunicada"

Méndez dixo que o acordo coa Hidrográfica abre a vía a avanzar, tras vinte e un anos, na finalización do plan de infraestruturas e conseguir ao fin a unión de Paradai e As Gándaras.

O acordo selado este luns contempla a investimento de 650.000 euros para reducir o risco de inundación do río Rato, en situación "límite" na zona da glorieta de Serra de Meira, que conecta coa ponte de Paradai.

A rotonda e a ponte, sostivo o Concello este luns, foi executada pola Xunta en 2015 e a obra, aínda que concluída e en funcionamento, foi obxecto dun expediente pola Confederación por entender que non era legalizable.

A obra da rotonda, sinala, alterou o comportamento e a extensión da área de inundación do río nas áreas adxacentes á glorieta, provocando, "mesmo para a avenida de 10 anos de período de retorno", un maior risco de inundación das vivendas alí existentes.

Unha solución que evitaría a derriba ordenada pola confederación en 2016
A solución anunciada este luns permitiría evitar medidas tan drásticas como a derriba da rotonda, que foi a primeira esixencia exposta pola Confederación en 2016, tras a apertura dun expediente por parte da gardería fluvial e unha denuncia de Adega. Aquela orde instaba á Xunta e ao Concello a tirar a glorieta. A Confederación tamén paralizou entón a reforma de Serra de Meira por afectar o Rato.

 

"É necesario dar pasos para impulsar o desenvolvemento urbanístico de Paradai porque Lugo non se pode permitir non evolucionar como a cidade verde, sostible e ben comunicada que estamos a proxectar", afirmou a alcaldesa, que considerou que o acordo asinado este luns é unha boa noticia, aínda que ten un sabor agridoce, xa que o plan Paradai se deseñou xa o século pasado, cun compromiso de investimento anual de 450.000 euros ata a súa finalización, algo que non se completou, lamentou.

Para solucionar o problema da rotonda, o Concello financiará o 25 por cento do investimento necesario e a Confederación Hidrográfica achegará o resto. Lara Méndez agradeceu por iso a etapa de sintonía e colaboración dese organismo durante o mandato de Quiroga e defendeu a necesidade dunha "leal colaboración" das administracións.

José Antonio Quiroga: "Formalizamos o noso compromiso con Lugo nunha actuación moi importante e que demanda a veciñanza"

Tras o protocolo, José Antonio Quiroga anunciou que Concello e Confederación volverán reunirse nun prazo máximo de tres meses para asinar xa un convenio cos detalles concretos do proxecto. Sostivo que este luns se formalizaba o compromiso coa cidade nun proxecto moi importante para as comunicacións urbanas da capital.

No acto conxunto de Méndez e Quiroga avanzouse que a obra implicará actuar no río, tanto canle arriba como abaixo da rotonda, e o axardinamento da zona. Unha vez executado ese proxecto, sostivo Lara Méndez, a Xunta non terá escusas para non finalizar o plan Paradai.

XUNTA. A delegación da Xunta reaccionou ao anuncio asegurando que o plan Paradai leva anos bloqueado pola falta de entendemento entre o Concello e o Goberno central e sostivo que o protocolo asinado non fai máis que demorar anos a execución do plan Paradai.

O acordo non resolve o problema, di a Xunta, que sostén que o Goberno galego si ten os deberes feitos e ten o proxecto de obra de Serra de Meira á espera de permiso para facelo.

Comentarios