O Concello de Lugo comeza a tramitar o cobro das mil sancións por saltarse as restricións

A maioría, 432, foron interpostas por nun usar a máscara
Control de la Policía Local. ARCHIVO
photo_camera Control da Policía Local. ARCHIVO

O Concello comeza a tramitar o cobro das preto de 1000 sancións impostas en Lugo por infraccións á normativa autonómica do COVID


A encargada deste cometido será a empresa que asume a colaboración na xestión administrativa e recadación de multas logo de que a Xunta de Goberno Local autorizara hoxe a modificación do contrato en vigor.


Asumir esta tarefa suporá un custo para a Administración local de 58.000 euros.


O Concello comezará a tramitar xa o cobro das preto de mil sancións impostas pola Policía Local, dende o pasado mes de xuño, por cometer infraccións á Lei de Saúde de Galicia na que figuran recollidas (a través do Decreto Lei 21/2020, de 09 de xuño) as medidas de prevención e contención fronte á crise sanitaria que ocasionou o COVID -19, tras recuperar a Xunta, tralo Estado de Alarma, a titularidade na materia.


A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, tal e como ratifican os informes emitidos pola Avogacía do Estado, as administracións locais pasarán a exercer esta función, seguindo o criterio do Consello Consultivo de Galicia, co fin de resolver canto antes os expedientes en curso.


No caso do Concello de Lugo e ante a insuficiencia de medios técnicos e de recursos humanos propios para asumir este cometido, procedeuse a encargarllo á empresa que, dende xuño de 2019, colabora na xestión administrativa e recadación de multas.


A Xunta de Goberno Local autorizaba hoxe a modificación do contrato en vigor, en tanto non se require para a realización desta prestación unha habilitación diferente da que xa dispón.


Asumir esta tarefa suporá un custo para a Administración local de 58.080 euros a razón de 40 € (sen IVE) por cada boletín/acta tramitado.


Dende o pasado 15 de xuño a Policía Local detectou un total de 958 incumprimentos das restricións impostas polos executivo galego para conter a propagación da pandemia.

Das actas levantadas, as máis numerosas foron as 432 por non facer uso da máscara; 149 por realización de botellón; 145 por non respectar o toque de queda nocturno; 105 por entrar e saír no municipio sen xustificación; 42 por exceder a limitación de persoas en grupos ao detectar non conviventes; 37 por fumar en zona pública sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 33 por quebrantamento do horario comercial; 12 por superar o aforo en establecementos e 3 por consumir na barra no interior dun local de hostalaría.


Á marxe destas sancións, o Concello de Lugo tramitará tamén todas as interpostas, dentro desta casuística e no ámbito territorial do municipio, polo resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica). 

Comentarios