Lugo aproba o orzamento para derrubar O Garañón sen ningún voto en contra

O custo da demolición ascenderá a 970.000 euros ► O obxectivo é converter o espazo que agora ocupa o esqueleto da construción nunha nova zona verde
 
O Garañón, a la espera todavía de ser derribado. XESÚS PONTE
photo_camera As torres do Garañón. SEBAS SENANDE

O goberno local de Lugo levou este xoves a pleno a aprobación do orzamento necesario para derrubar as torres do Garañón e converter toda a leira nunha zona verde, unha iniciativa que saíu adiante cos votos a favor de todos os grupos –tanto do bipartito formado por PSdeG e BNG como do PP– salvo de Ciudadanos, que optou pola abstención.

A urbanización do Garañón e a construción das dúas torres -cuxo esqueleto pode verse á beira do Parque de Rosalía de Castro- provocou no seu momento unha importante polémica e mobilización social na cidade de Lugo, para acabar nun proceso xudicial no que chegaron a estar imputados o expresidente da Deputación de Lugo José Ramón Gómez Besteiro e o exalcalde da cidade José López Orozco.

O chamado caso Garañón –instruído pola xuíza Pilar de Lara– foi recentemente arquivado pola Audiencia Provincial de Lugo, ao non percibir os maxistrados indicios de delito por parte das persoas investigadas, aínda que sobre as citadas torres pesa unha sentenza xudicial que obriga á reposición da legalidade e, consecuentemente, á súa derriba.

O goberno local asegura que "as torres do Garañón están próximas á súa desaparición" e púxose en marcha "unha conta atrás" que o Concello "inicia con determinación", co obxectivo final de converter o espazo que agora ocupa o esqueleto da construción nunha nova zona verde que lle dea continuidade ao Parque de Rosalía de Castro e ao cinto verde da cidade.

O custo da demolición, que obrigou a levar este xoves ao pleno a aprobación dunha modificación de crédito, ascenderá a 970.000 euros.

Para executala, o Concello recorrerá a un contrato mixto, que inclúa a redacción do proxecto necesario e a propia execución dos traballos.

O Partido Popular aclarou no pleno que votou a favor de tirar as torres para cumprir as sentenzas que "declararon ilegal a licenza dada polo PSOE".

"Hoxe votamos a demolición das torres de nove plantas que os edís socialistas negociaron e ás que lles deron licenza ilegal cos seus votos para construílas nas costas do Parque" de Rosalía, precisou o viceportavoz do PP, Antonio Ameijide, na sesión. 

Comentarios