O Concello abre o melón do persoal para aplicar unha reorganización en 2020

O goberno xustifica o informe que revela que o 40% do persoal podería estar irregular na necesidade de coñecer a situación para "iniciar" unha nova RPT â?? Os traballadores non se pronuncian e o PP pregúntase que fixo Méndez desde 2015
Oficinas municipales. SEBAS SENANDE (AEP)
photo_camera Oficinas municipais. SEBAS SENANDE (AEP)

O informe sobre os postos de traballo do Concello que o goberno entregou aos sindicatos, segundo o cal o 40% dos empregados están adscritos aos seus postos de forma irregular, ou con dúbidas de legalidade, e que 49 deles cobran por enriba da categoría que teñen, desconcertou nas oficinas municipais, onde se espera unha importante reorganización dos efectivos en 2020.

O informe sementou incerteza no persoal. Os órganos de representación (xunta de persoal e comité de empresa) non reaccionaron publicamente, probablemente porque no seu seo hai sensibilidades distintas. Algúns integrantes forman parte dese grupo de traballadores que estarían de forma irregular.

O PP acusou á alcaldesa de ser "cómplice" da situación por non abordar esas irregularidades ata agora. O portavoz popular, Ramón Carballo, recordou que Méndez tivo dous directores xerais de recursos humanos e anunciou que o seu grupo estudará pedir unha comparecencia da edil de persoal, Paula Alvarellos. Segundo a fiscalización que fixo o novo interventor, todos os postos que se provisionaron por decreto de alcaldía, con informe do servizo de persoal pero "infrinxindo a normativa legal vixente", foron anteriores a Méndez. Algunhas irregularidades veñen xa de goberno previos ao PSOE.

O informe pon sobre o papel unha situación da que traballadores e sindicatos veñen advertindo desde hai anos. Hai incluso unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza na que, por mor dun recurso de CSIF ao orzamento municipal de 2016, ditamina que este non era conforme a dereito porque incluía postos de traballo que non estaban no cadro de persoal do Concello.

Esa circunstancia, xunto ao traslado de traballadores a outros postos ou a asignación de funcións distintas ás que lles corresponderían, en moitos casos sen motivación nin normativa que avalasen estes cambios, é unha das principais "disfuncións" que o goberno local rexistrou nun informe que promoveu o novo interventor e que realizaron a vicesecretaria e o secretario do Concello porque a xefa de persoal estaba de baixa. O obxectivo non é outro que "corrixilas", segundo afirmou este venres Alvarellos, quen asegurou que o fin era ter "a foto exacta" da situación do persoal "como paso previo" para aprobar unha nova relación de postos de traballo (RPT). A actual é de 2006 e apenas sufriu modificacións, en 2012.

Hai provisións de postos irregulares desde tempos previos ao PSOE, seguiron con Orozco e con Méndez tampouco se solucionaron

Alvarellos recalcou que "non se trata de mirar atrás, trátase de mirar cara a adiante". O obxectivo, explicou, é que o Concello dispoña dunha nova RPT a principios de xaneiro, un prazo que se antolla difícil de cumprir se se teñen en conta o procedemento que hai que seguir —elaboración do documento, solicitude de informes, prazos de presentación e resolución de alegacións...—, que o traballo vai ser realizado por técnicos do Concello e que a filosofía é "iniciar" unha nova RPT.

No anterior mandato, o goberno levou a negociación cos sindicatos unha proposta na que levaba anos traballando unha empresa contratada, en coordinación cos distintos equipos de goberno. O documento creou un cisma no persoal debido á desigual —e inxusta, segundo os menos favorecidos— subida de retribucións que expuña. O incremento máis rechamante, de case 400 euros, era para os policías locais. Inicialmente, esa RPT contou co apoio maioritario dos sindicatos —entre outras razóns porque unha das organizacións con maior peso non estaba na mesa negociadora—, pero cos resultados das eleccións sindicais celebradas en marzo, agora son maioría os contrarios.

Sobre como o goberno local prevé abordar a nova RPT a este respecto non hai pistas, aínda que o feito de que vaia iniciar" o traballo podería interpretarse como que tamén as revisións salariais poderían sufrir cambios. "Está a elaborarse e estudando a nova estrutura e en función diso avaliarase", informou.

comentarios