Cun pé en Silicon Valley

Dúas alumnas de Enxeñería Civil irán a Google tras gañar un premio do Banco de Santander â??O proxecto de Andreína Vargas e Daniela Lourenço propón vigas de madeira máis ecolóxicas
photo_camera Emprendedores en Sillicon Valley. EP

Dúas alumnas de Enxeñería Civil, da Escola Politécnica Superior de Lugo, visitarán as sedes de Google, Facebook, Apple e Airbnb, no mítico Silicon Valley estadounidense, tras gañar un dos premios do proxecto Explorer do Banco de Santander.

A venezolana Andreína Mitsai Vargas Carrión e a portuguesa Daniela Lourenço dous Santos viaxarán a California o próximo 31 de outubro para asistir a varias clases maxistrais nas Singularity e Stanford University, á vez que farán 'networking' con traballadores destas empresas punteiras en internet, investidores e o resto dos 53 estudantes e emprendedores de España, Arxentina e Portugal que, como elas, foron seleccionados polo Centro Internacional Santander Emprendemento (Cise), na convocatoria do proxecto Explorer. Alí, Andreína e Daniela pretenden -como elas din- "empaparse o máximo posible" destes emprendedores que encabezan empresas punteiras en internet.

Xa de volta a España, a expedición que viaxará a Silicon Valley está citada na Cidade Grupo Santander, en Boadilla del Monte, onde un xurado integrado por representantes do Banco Santander, o Cise e entidades colaboradoras seleccionará os gañadores do Explorer 2019. Os tres mellores emprendedores recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para que poidan acelerar os seus respectivos proxectos.

Andreína e Daniela foron as impulsoras de Timbersoul Innovations, unha 'spin off' que comercializará vigas de madeira baseadas no proxecto Life Eco Timber Cell. Estas vigas -máis lixeiras que as habituais- están feitas con piñeiro, castaño e eucalipto, dous taboleiros de fibras de alta densidade con restos de madeira de eucalipto e dous listóns de madeira serrada.

VANTAXES. Este material achega varias vantaxes fronte ás vigas tradicionais como o uso de madeiras locais e a aposta por unha construción máis ecolóxica co uso de madeira en lugar doutros máis contaminantes como o formigón e o aceiro. "Estas vigas son tamén máis resistentes que as tradicionais e, na súa construción, redúcese a cantidade de madeira nun 85 por cento. Do mesmo xeito que tamén diminúen os residuos e xeran menos emisións de dióxido de carbono á atmosfera dado que a madeira procede de plantacións forestais sostibles", afirma Daniela Lourenço, quen engade que as vigas tamén teñen a particularidade de imitar "o comportamento biomecánico das árbores".

Aínda que tan só é un proxecto, as promotoras pretenden polo en marcha como empresa en outubro de 2020, encargando a fabricación deste material a subcontratas e cunha planificación de vendas no resto de España e o norte de Portugal en 2021 e a súa extensión por Europa durante o ano seguinte. Ademais das vigas, Timbersoul propón trasladar este mesmo tipo de material a outros elementos construtivos como muros, cerramentos, forxados e cubertas.

Andreína VargasESCAPÓ DE VENEZUELA. Andreína Vargas saíu de Venezuela hai cinco anos -debido á situación política do seu país- rumbo a España co obxectivo de estudar Enxeñería Civil no campus de Lugo. Segundo di agora, a touro pasado, o paso "foi difícil pero cousas como estas fixeron que valla a pena o esforzo".

Esta moza venezolana acaba de graduarse en Enxeñería Civil e tiña unha bolsa de colaboración para a investigación no departamento de Hidráulica da Escola Politécnica Superior de Lugo. Alí traballaba con modelos numéricos de alta resolución para simular a hidrodinámica das rías galegas.

Daniela LourençoÁ súa compañeira, Daniela Lourenço, aínda quedan flocos para graduarse. Daniela traballaba na plataforma Pemade, de Enxeñería de Madeira Estrutural, cando Manuel Guaita, catedrático da Politécnica, lles expuxo o proxecto Explorer. "Decidimos presentarnos e comezamos a participar, en febreiro, no proxecto europeo Life Eco Timber Cell pero non tiñamos ningunha esperanza de gañar. Había proxectos moi bos, baseados en teses, cos que competiamos. Foi toda unha sorpresa", di Daniela.

Comentarios