A comisión de violencia de xénero ve "clave" chegar ás zonas rurais

O grupo, constituído este luns, considera necesario "cambiar a mentalidade" dos mozos e avanzar na educación

A Audiencia lucense acolleu este luns a constitución da comisión provincial de violencia de xénero, un grupo de traballo que ten como obxectivo loitar contra os malos tratos e que nace con dúas premisas fundamentais: fomentar a educación non machista e axudar ás vítimas na zona rural.

Tal e como sinalou o presidente da Audiencia, José Antonio Varela Agrelo, os integrantes da comisión -forzas e corpos de seguridade, administracións, e representantes do mundo xudicial- axuntarán esforzos para detectar os casos de violencia de xénero en pequenos núcleos de poboación. "Lugo é unha provincia moi rural e ás veces, nesas zonas, os malos tratos está moi escondido e as mulleres están prisioneiras, pero intentaremos traballar con asociacións e asistentes sociais para chegar a elas". Sinalou tamén a necesidade de incidir no ámbito educativo, "para que as xeracións que se están incorporando á idade adulta teñan unha educación non machista e cambien de mentalidade. É a clave para a solución", dixo.

O acto contou coa asistencia do presidente do TSXG, Miguel Cadenas, e da presidenta de Si, Hai saída, Marta Rodríguez, en representación das vítimas. O BNG xa anunciou a primeira proposta que levará á nova comisión: a creación dun xulgado especializado na materia.