A Comisión Europea distingue a Lugo polo seu "enfoque inclusivo" ante a discapacidade

Obtén unha mención especial 'Smart City' por proxectos como casa domótica ou a accesibilidade de edificios públicos
Foto de familia de los premiados
photo_camera Foto de familia de los premiados

A Comisión Europea outorgou a Lugo a mención especial Smart City "en recoñecemento ao seu enfoque holístico e inclusivo da discapacidade, incluíndo o sector público e privado en todas as súas actividades". O organismo -que este martes entregou os premios a cidades accesibles a sete urbes de distintos puntos de Europa con motivo do Día Europeo das Persoas con Discapacidade- destaca que Lugo leva a cabo "programas de apoio profesional e fai uso das tecnoloxías da información ao deseñar as súas políticas de accesibilidade" e que, ademais, "dirixe especial atención á inclusión social dos maiores". O portavoz municipal, Miguel Fernández, recolleu a distinción en Bruxelas.

A concelleira de benestar social, Ana González Abelleira, destacou que a mención recoñece que Lugo é "punteira" na forma de abordar a discapacidade. A edil cre que, de todas as accións nese sentido, o que máis puido chamar a atención á Comisión é o feito de que sexan políticas transversais, que afecten a todas as concellarías e non á específica. Por exemplo, recordou que cuestións como a accesibilidade de todos os edificios municipais, a creación de locais para as asociacións de persoas con discapacidade, ou os xardíns e parques accesibles é algo que necesita a implicación de moitos.

Outro dos proxectos que foi destacado na memoria presentada a este certame, que intenta recoñecer as ideas innovadoras das administracións para facer que as súas cidades sexan máis inclusivas, é o da casa domótica. A vivenda de cinco plantas en Leiras Pulpeiro, completamente adaptada tanto no seu interior e accesos como en servizos como os colectores de lixo, foi outra das accións que se incluíron.

Tamén se recordou que os monumentos da cidade, incluída a muralla, son de acceso universal; que levaron a cabo iniciativas como a creación dunha guía turística accesible, xunto ás asociacións de persoas con discapacidade, e doutras que inclúen ao sector privado, como a das tapas accesibles.

Así mesmo, cuestións como as políticas de inclusión en materia de emprego, como a reserva de prazas dunha porcentaxe maior que o que establece a lei para persoas con discapacidade puido xogar tamén a favor da proposta municipal aos premios. A concelleira recordou que a lei establece que debe ser do 3%, pero que o Concello ofrece sistematicamente máis do 3% e, nalgúns casos, ata o 5%, dependendo da convocatoria.

Para González Abelleira o premio é un acicate para seguir traballando e unha proba de que "imos polo bo camiño". Para Aquilino González, da asociación Auxilia, un premio destas características debe servir precisamente "para seguir adiante" para ser "un estímulo", non para ser contemplado con compracencia polo conseguido senón con ánimo polo que queda por facer. Lugo ten tamén recoñecementos como destino turístico accesible e o premio Sofía de Accesibilidade.

Comentarios