Lugo volve reclamar que se sitúe o Museo da Romanización no cuartel de San Fernando

O Concello organiza este luns unha xornada de portas abertas para comprobar a deterioración do edificio

O Concello de Lugo organizou este luns unha xornada de portas abertas no cuartel de San Fernando, na zona vella da cidade, para que se advirta a deterioración desta infraestrutura que é Ben de Interese Cultural e que no seu día a Xunta de Galicia comprometeu como Museo da Romanización, que o Consistorio reclama que se sitúe aí. 

Precisamente esta acción serviu para que a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outros colectivos como a federación veciñal ou a Confederación de Empresarios, reivindicasen ao Goberno galego que asente aí ese Museo da Romanización. 

Ás portas do cuartel, Lara Méndez lanzou unha mensaxe da "súa posta en valor para que isto sexa o Museo da Romanización, e sexa o museo (da romanización) de toda España". 

Ademais, agradeceu aos asistentes a súa presenza e fixo fincapé na necesidade de darlle utilidade ao edificio nese camiño cara a que Lugo conte con outra Declaración de Patrimonio da Humanidade, todo o centro histórico. Sería a cuarta declaración, tras a muralla, a catedral e o camiño primitivo ao seu paso pola cidade. 

A rexedora tratou de reforzar e afianzar o seu discurso, ao sinalar que se trata dunha "reivindicación social", tras a que está tamén o goberno local da cidade amurallada.

DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO. Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, apuntou que para os empresarios "calquera iniciativa que poida estimular o desenvolvemento económico e social da cidade, e xa que logo desta provincia, contar cun museo que sexa referencia a nivel nacional é fundamental". "E así o apoiamos como organización empresarial", abundou. 

Así mesmo, destacou que isto serve tamén para visibilizar esa aspiración de converter a zona vella de Lugo na "cuarta declaración de Patrimonio da Humanidade". "Evidentemente con toda a tradición e historia que ten a cidade no ámbito romano e da romanización, co que contar con este museo que pode ser unha referencia a nivel nacional é fundamental", insistiu. "Cremos que é un tema que pode ser moi relevante para Lugo", concluíu o secretario xeral da CEL. 

Críticas de Xunta e PP á iniciativa
Esta iniciativa do goberno local xa tivo resposta por parte da Xunta de Galicia, dado que o delegado territorial, José Manuel Balseiro, recordou que o cuartel de San Fernando é propiedade do Concello de Lugo, a pesar de que a administración autonómica investira a mesma cantidade que o local nas últimas obras de mantemento realizadas no inmoble.

Por parte do grupo municipal do PP, acúsase a alcaldesa, Lara Méndez, de promover un "tour da vergoña" e recórdaselle que, na actualidade hai "trece edificios" abandonados de propiedade municipal na cidade, cun valor patrimonial que supera os 14 millóns de euros. 

Comentarios