miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Comeza a obra de accesibilidade do atrio da catedral

Obras en el atrio de la catedral. SEBAS SENANDE
Obras en el atrio de la catedral. SEBAS SENANDE
A empresa Resconsa traballa desde a mañá deste luns no espazo deseñado por Ferro Caaveiro no século XVIII

A empresa Resconsa comezou na mañá deste luns a obra do atrio da catedral de Lugo para facer accesible este espazo a persoas que van en cadeiras de rodas ou con outros apoios técnicos. É unha intervención moi esperada, xa que agora o acceso á basílica resulta complicado para estes cidadáns. Nunha das portas hai unha rampla, pero chegar ata ela non é fácil debido a que as pedras son irregulares, están rotas e hai ocos entre elas.

Os traballos serán cofinanciados pola Deputación de Lugo e levan a cabo baixo control arqueolóxico. Trátase dunha zona con gran valor no seu subsolo. A poucos metros está a Domus do Mitreo, un dos lugares de ofrenda ao deus Mitra máis relevantes de todo o mundo e o máis occidental achado ata agora. Do outro lado, no claustro da catedral, tamén se destaparon no último ano restos arqueolóxicos de varias épocas.

Aínda non se decidiu se se manterá todo o empedrado artesanal

O proxecto de accesibilidade do atrio aínda non está definido, segundo indicou o seu director de obra, o arquitecto José María Alonso. Nun primeiro momento barallouse facer unha especie de corredores, pero é probable que se acabe intervindo en toda a superficie, para restaurar as pedras que están en mal estado e recolocalas.  Trátase dun dos poucos pavimentos artesanais que quedan na cidade, e cunha boa restauración e recolocación das pedras, o firme sería accesible igualmente, en opinión dalgúns especialistas. As pedras son de tamaño irregular. Hainas de 45 centímetros de ancho e 1,20 metros de longo.

Aínda que é probable que o atrio fose sometido a algúns arranxos ao longo da súa historia, en esencia consérvase tal e como o construíu Ferro Caaveiro a finais do século XVIII, cunha gran bancada todo ao redor, xa que se concibiu non só como unha parte relevante do acceso á catedral senón como espazo de encontro social. Como parte do templo, o atrio é Ben Mundial e está situado xusto enfronte a outro, a muralla.

Comeza a obra de accesibilidade do atrio da catedral
comentarios