Comeza a montaxe de instalacións do Arde Lucus no centro e o Parque

A festa romana e castrexa, que cumpre 18 anos, comezará o xoves 13 de xuño e alargarase ata o domingo 16

Instalaciones del Parque de Lugo. EP
photo_camera Instalacións do Parque de Lugo. EP

O Concello comezou a colocación de instalacións no centro histórico e no parque Rosalía de Castro de cara á celebración do Arde Lucus.

En concreto, os operarios están a proceder a instalar o tendido eléctrico na Praza Maior e outras rúas céntricas onde se situarán asociacións e espectáculos, mentres que no Parque, onde volverá estar o campamento principal para seis asociacións, colocáronse estruturas que servirán para dividir os espazos.

Haberá outra media ducia máis de bases de colectivos de reconstrución histórica, algunhas de maior tamaño e con máis actividade que en edicións anteriores. Estarán detrás da casa consistorial, nos xardíns do Museo Provincial, San Marcos, Praza da Constitución, Horta do Seminario e Cantiño Nemesio Cobreros.

A festa romana e castrexa, que cumpre 18 anos, comezará o xoves 13 de xuño e ata o domingo 16 volverá combinar tradicionais actos como os desfiles pola cidade ou o circo, con novidades que chegarán da man das 18 asociacións que hai constituídas, unha delas nova e que agrupa mulleres castrexas.

A Praza Maior volverá acoller o macellum ou mercado e haberá postos de comida en A Soidade, Santo Domingo, á beira do Vello Cárcere e na Praza de Bretaña.

A arte Miudo, para o público infantil, desenvolverase en Santo Domingo, na Praza Maior e na Praza de Ferrol.

Comentarios