Comeza a colocación do novo mobiliario urbano de Recatelo

Instaláronse bancos de madeira ► Nos vindeiros días colocaranse as xardineiras no percorrido de Isaac Díaz Pardo
Rubén Arroxo e Cristina López, durante a instalación dun banco en Recatelo. EP
photo_camera Rubén Arroxo e Cristina López, durante a instalación dun banco en Recatelo. EP

O Concello de Lugo comezou a colocación do novo mobiliario urbano do barrio de Recatelo. O tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou este xoves xunto coa edil Cristina López os avances realizados nas obras de peonalización.

"Hoxe comezamos a instalar os novos bancos na rúa Avelino Pousa Antelo, un dos últimos pasos antes do remate definitivo dos traballos nesta zona”, explicou o dirixente nacionalista. Esta actuación, engadiu, "permitirá mellorar a imaxe dun barrio histórico da cidade, situado entre a muralla e o parque de Rosalía".

O mobiliario instalado este xoves consiste en bancos de madeira con respaldo montados sobre unha estrutura de pedra, similares aos colocados no resto da cidade. 

O percorrido de Isaac Díaz Pardo acollerá nos vindeiros días a instalación de novas xardineiras, que crearán novas zonas de sombra nesta rúa.

Segundo Arroxo, "Recatelo está a converterse nunha importante zona de paseo, entre o centro e o parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza".

"Desde o goberno municipal seguimos traballando nunha cidade na que os peóns sexan o centro da mobilidade", afirmou o tenente de alcalde.

Comentarios