miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

O comercio lucense con China resiste a pesar da crise polo coronavirus

O leite é o produto estrela das exportacións a China. SEBAS SENANDE
O leite é o produto estrela das exportacións a China. SEBAS SENANDE
Lácteos, pesca e viños son tres dos produtos da provincia con mellor saída actualmente nos mercados chineses

"Son máis preocupantes os aranceis de EE UU  que o impacto do coronavirus". Dio Pedro Rodríguez, propietario das adegas Guímaro, un dos empresarios lucenses que exporta a China. Explica que aínda acaba de facer un envío de 5.000 botellas do seu viño, con destino ás catro principais cidades chinesas. Di que tivo máis impacto para Guímaro o parón no país polas celebracións do ano novo chinés que as alertas pola enfermidade. Recoñece, no entanto, que esta non é a época máis forte de exportacións, xa que agora estanse sacando as novas anadas e será no prazo duns meses cando se fagan as maiores operacións de exportación de viños.

A súa experiencia é relevante porque China é xa un mercado de referencia para as empresas exportadoras lucenses e os produtos agroalimentarios, estratéxicos para a provincia, teñen un papel destacado no comercio co xigante asiático, cuxa economía está a sufrir vaivéns importantes pola crise do coronavirus.

LOXÍSTICA. Esa crise séguese de cerca nas empresas de Lugo, varias das cales apuntan que os pedidos non ven condicionados polo impacto que está a xerar a enfermidade o illamento de cidades e a paralización de empresas. Nalgúns casos si se está vendo afectada a loxística.

Os produtos do mar son un dos fortes da exportación. Eduardo Míguez, directivo de Porto de Celeiro, apunta que por agora non se está rexistrando ningunha afectación nos negocios con China. Nin envíos nin pedidos se viron atrasados pola crise sanitaria, explica Míguez, que detalla que o chinés é un mercado xa importante para o porto lucense, xa que se exporta alí mercancía por importe duns seis millóns de euros anuais.

Leite, o produto estrela: Lugo vendeu produtos lácteos por valor de 1,8 millóns de euros a China. É un produto estratéxico para a provincia e con altísima demanda no país asiático

Trátase, ademais, dun mercado crecente e que adquire, sobre todo, aleta seca de escualo. Polo demais, no Porto de Celeiro hai outro factor de tranquilidade engadido e é que non teñen barcos que traballen nin en China nin en Asia. Entre as empresas de referencia no comercio con China está Quescrem, que vende á potencia asiática entre o 15 e o 20% da súa produción. "Ao comezo da crise, non o notamos e non houbo ningunha comunicación nin das distribuidoras nin das navieras, pero segundo avanzou a crise si empezou a haber algunha afectación", explican na empresa. Aclaran, así, que hai incerteza entre os distribuidores porque non saben se van poder mover a mercancía dentro do país. Iso supón que algúns pedidos estean ‘en stand by'. Ademais, nalgúns casos tivéronse que cambiar os portos previstos de descarga dos produtos da empresa de Castro de Ribeiras de Lea, ao quedar bloqueados pola crise os depósitos nos que estaban inicialmente previstas as descargas.

Con todo, na empresa non transmiten unha mensaxe de alarma sobre a relación co mercado chinés, que demanda sobre todo o queixo tipo mascarpone que elabora a firma lucense. A empresa ten na exportación o seu gran mercado e vende fóra da Península Ibérica o 45% por cento da súa produción.

De momento, dedúcese, a crise afecta sobre todo á loxística das operacións de exportación a ese país, no caso de Lugo son xa moi importantes.

O peso da economía chinesa non se ve só nos números e unha mostra diso podería ser a empresa Oviganic, firma láctea situada no polígono de Monforte e que pertence a unha compañía chinesa, Bei'An YeePer Daily.

Os lácteos son un dos produtos estrela das vendas ao país asíatico e, xa que logo, é relevante que exista xa na provincia unha produtora láctea de capital chinés. Trátase, ademais, dunha empresa en proceso de crecemento, que ten en marcha un proxecto de ampliación para fabricar, ademais de produtos derivados de leite de vaca, outros con leite de cabra e ovella, cun investimento de tres millóns de euros.

A pesar da importancia do mercado chinés, a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) non detalla se a crise do coronavirus está a afectar ao negocio no mercado chinés.

VINO. O viño lucense, con cada vez máis mercado exterior, parece non estar a se ver afectado, como apuntaba Pedro Rodríguez.

Unha empresa de referencia nese sentido é a chantadina Vinigalicia, onde o seu responsable, Juan Luis Méndez, di que a crise non tivo afectación para a firma. Apunta, iso si, que o mercado chinés ten xa menos peso na súa compañía, polo que non vive a situación con especial inquietude. Si se declara máis en alerta polo feito de que Corea do Sur empece a ter un gran número de casos de coronavirus e decida illar unha cidade de dous millóns e medio de habitantes. Correa, advirte Méndez, foise convertendo nos últimos anos nun mercado crecente para os viños de Vinigalicia.

A Consellería de Economía e Industria apunta, doutra banda, que de momento non se notou impacto en Lugo polo coronavirus. O departamento de Francisco Conde explica que a Xunta, a través do Igape, está en contacto directo con todos os sectores, sen que, en xeral, se detectara por agora ningún impacto.

O comercio lucense con China resiste a pesar da crise polo coronavirus
comentarios