O comercio lánzase ás rebaixas para tratar de salvar a campaña de verán

A tardanza do bo tempo e os descontos fóra de tempada reduciron as vendas

Anuncios de rebajas en comercios lucenses. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Anuncios de rebaixas en comercios lucenses. VICTORIA RODRÍGUEZ

Tanto o pequeno como o gran comercio de Lugo está a entregarse xa ás rebaixas como último recurso para salvar unha tempada de verán que foi boicoteada polo factor climatolóxico. Un último recurso que ademais, segundo lamentan os propios comerciantes, xa non é tan eficaz coma antes, cando os períodos de rebaixas estaban regulados e non se podían facer descontos practicamente todo o ano, como pasa agora.

Deste xeito, gran parte dos comercios de Lugo e dos instalados en áreas comerciais anuncian xa desde hai días grandes descontos, que nalgúns casos chegan ao 70 por cento, aínda que a maioría se moven entre o 30 e 50 por cento.

Mentres que antes as rebaixas eran unha grande inxección económica, agora apenas supoñen un 3% de incremento de facturación

Como explica José María Seijas, presidente da Federación de Comercio, os empresarios esperan que coa melloría do tempo en Galicia anunciada para os próximos días os clientes se animen a comprar, porque "ata agora o que apetecía máis ben era comprar gabardinas e chaquetas, non sandalias, chanclas e bañadores". Pero trátase, no mellor dos casos, de minimizar perdas, porque o dano xa este feito: "Tradicionalmente", asegura Seijas, "estas rebaixas facíanse para vender os restos da tempada ou baleirar os almacéns, pero este ano a roupa de tempada aínda está nas tendas".

Este problema únese, segundo o representante dos comerciantes, a que despois de que os períodos de rebaixas quedasen desregularizados "as rebaixas empezan o 1 de xaneiro e acaban o 31 de decembro. Segue quedando a tradición de facer máis descontos en xullo coma antes eran as rebaixas de verán, pero para os comercios iso deixou de ser o boom que era antes". Mentres que cando as rebaixas estaban reguladas estas tempadas eran unha grande inxección de diñeiro para os comercios, agora "apenas supoñen un incremento do tres por cento de facturación mensual", calcula Seijas.

As federacións de comercio pedirán ao Goberno que volva regular as rebaixas

REGULACIÓN. De feito, o presidente da Federación de Comercio asistiu este mesmo xoves a unha reunión en Madrid da confederación española do comercio na que o punto "primordial" que se analizou é a decisión de solicitar ao Goberno que se volvan a regular por lei os períodos de rebaixas. "Se cadra non teñen por que coincidir cos mesmos períodos nin as mesmas condicións de antes, pero o que todo o comercio, grande e pequeno, ten claro é que ten que haber unha regulación porque deste xeito perdemos nós e os clientes, que en calquera momento poden comprar unha peza que se lles presenta como rebaixada cando ao mellor aos quince días pode estar aínda máis barata".