O comercio non deixa de moverse

Zhoe pecha as súas portas nun dos baixos privilexiados da Avenida da Coruña e Maraca trasládase a un novo local desa vía ► No centro, un dos baixos mellor situados de Doutor Castro prepárase para un novo negocio e nas Termas ampliáronse dous
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Escaparates de Zhoe, que pecha, e Maraca, que se traslada a outro local na mesma rúa. EP

O comercio de Lugo vive desde hai anos nunha especie de carrusel, no que se suceden as aperturas e peches. E o fenómeno continúa, tras o azoute da crise xerada pola pandemia do covid, con negocios que xa son clásicos da cidade. 

é o caso de Zhoe, zapatería da Avenida da Coruña que iniciou un proceso de liquidación previo ao peche definitivo. O establecemento ocupaba un dos locais privilexiados da avenida, no lugar onde tivo as súas orixes Zara na capital. 

Ademais de pechar Zhoe, prepárase tamén o traslado de Maraca, outra zapatería xa con soleira da capital, que se recolocará noutro local da Avenida da Coruña, na zona na que se atopa Lugo Piel e a cafetería Cofín. 

En principio, a nova tenda de Maraca abriría no novo emprazamento ao longo do mes de novembro e faríao con algúns reaxustes na súa oferta, centrada xa completamente no calzado de home e muller. 

Ese cambio derivaría de axustes que se deron no mercado pola explosión do comercio online, que fixo que a venda de calzado xuvenil e infantil se trasladase cada vez máis ás plataformas de internet. 

E paralelamente prepáranse para recuperar a actividade locais que ocupan espazos privilexiados no corazón comercial do centro histórico. É o caso do baixo na Rúa Doutor Castro que ocupaba a antiga confeitería Santos, que logo de albergar varias tendas nos últimos anos volve estar en proceso de reforma. Xa se colocou a marca do novo negocio, El Ganso, unha firma de moda que gañou puxanza nos últimos anos. 

E tamén hai cambios, por crecemento, de tendas no centro comercial As Termas. Alí, as firmas Stradivarius e Décimas ampliaron e renovaron os seus locais, en liña coa nova imaxe do centro comercial. 

Stradivarius volveu abrir as súas portas a semana pasada, tras case dous meses de reforma, cunha imaxe renovada e máis moderna, destacan desde As Termas. No caso de Décimas, a apertura foi hai xa case un mes.

Comentarios