O comercio arrinca en Lugo a súa actividade con timidez e entre medidas de seguridade

Librerías, mercerías, ópticas e tendas de roupa e calzado infantil abriron só con cita previa â?? O servizo de recollida de comida en restaurantes tivo moi pouca demanda e oferta en Lugo
O Baúl Branco. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera O Baúl Branco. VITORIA RODRÍGUEZ

A apertura do comercio o primeiro día da fase 0 foi moi tímida en Lugo e restrinxida a aqueles clientes que solicitaran cita previa para ser atendidos. Poucos foron os comercios do centro que decidiron este luns dar o paso e acoller aos primeiros clientes. As compras se ciñeron a algunha librería, óptica, tenda de roupa e zapatería infantil e mercería. As ferraxerías —que este luns reiniciaron a súa actividade no resto do país— abriron tamén en Lugo pero como o fixeron durante o confinamento dado que en Galicia a Xunta permitiu a súa apertura, segundo indicou unha das dependentas da situada no mercado de Quiroga Ballesteros.

Gloria Fortes, propietaria da librería Lectocosmos, encaraba a súa reapertura tras o confinamento cunha botella de lejía para limpar dúas veces ao día os chans e o mostrador, outra máis de xel hidroalcohólico para que os clientes se desinfecten as mans e varias chamadas telefónicas ao instalador de biombos para protexer o mostrador. “Estou un pouco tensa porque son moitas cousas á vez e estou soa, pero optei por reducir o horario a de dez a unha e de seis a oito para poder facer todo un pouco máis levadío”, indicaba esta empresaria.

Gloria calcula que cada cliente pode botar de dez a quince minutos no local e, en base a iso, foi dando cita. “Hai xente que xa tiña ganas de vir porque para algunhas persoas a lectura é unha necesidade. De feito, fixemos varias entregas a domicilio todo este tempo”, afirmaba.

No exterior, esperando a súa quenda para poder entrar, estaba Jesús. Levaba dez minutos á porta, pero encantado da vida por saír de casa e rodearse de libros. “Se hai que esperar, espérase, pero prefiro vir comprar que facelo por internet. Por moitas razóns: por apoiar ao pequeno comercio, por saír de casa e porque vingo a buscar algo determinado que aquí o vou a atopar”, manifestaba este cliente. Nalgunha óptica, recibiron aos compradores tamén só baixo demanda e pola mañá. Outras, en cambio, están a ultimar os preparativos aínda para ofrecer a maior seguridade aos seus clientes.

Algúns comerciantes postergan a apertura por medo a perder as axudas a autónomos e os hostaleiros prefiren esperar a xuño

Ese é o caso de Óptica De La Torre, que abrirá o vindeiro luns. “Estaremos tres persoas traballando e outra máis na porta medindo a temperatura cun termómetro láser. Ofreceremos ao cliente máscara, luvas e teremos tamén unha alfombra bactericida na porta. Ademais, poremos biombos que soben e baixan nos mostradores e deixaremos un aparello de ozono que desinfectará o local pola noite”, explica Berta de la Torre, a xerente, que leva vinte días adaptando o seu local.

Tamén este luns na tenda de nbsp;roupa&infantil O Baúl Branco ultimaba preparativos e abría, baixo cita previa, Puri Méndez. “Aproveitei para quitar a roupa de inverno, que aínda estaba nos expositores, e metela en caixas porque cando nos fomos pensabamos que ía ser cousa dunha semana”, di esta empresaria.

Puri asegura que a moda infantil foi un dos sectores onde está a haber máis demanda “porque os nenos creceron enestes dous meses”, explica.

Nesta tenda, ofrecen toallitas desinfectantes ao entrar, ademais de luvas, xel e calzas para os pés. Os probadores se desinfectan a diario varias veces e a roupa que se probe estará 48 horas ao aire libre.

O sector da moda infantil está a ter demanda porque algúns nenos deron o estirón no mes e medio de confinamento

A Federación de Comercio asegura que é vital ofrecer confianza ao consumidor a nivel sanitario “para que entre sen medo nos comercios”, indica o seu presidente, José María Seijas, quen engade que o sistema de cita previa “non funciona a nivel comercial porque moitas vendas son por impulso”.

Á súa vez, José Luis Pérez, de Lugocentrum, expón que moitos comerciantes aínda non abriron “porque teñen medo a perder os Ertes e as axudas de autónomos”. Por iso, di, “vai a cousa amodo xa que hai moitas dúbidas”.

O sector da hostalería esperará unha semana máis para abrir aínda que este luns podíase ir recoller a comida aos restaurantes. A pesar diso, só deron este servizo os que xa facían entregas a domicilio. “Poucos viñeron, a xente prefire que lle levemos a comida á casa. Estamos facendo máis pedidos ca antes”, indica Mónica Ramos, da parrillada A Fonsagrada.

O presidente dos hostaleiros, Cheché Real, asegura que é preferible esperar un mes antes de abrir as terrazas ao 50 por cento. “Abrir a perdas non compensa. Tamén deberiamos ter uns protocolos de hixiene e vos Ertes deberíanse prolongar seis meses”, propón.

”Moitos nenos medraron durante a corentena”, explican Sonia Cáceres e Yaiza Arias, da tenda de roupa infantil Colorín Coloreado de Sarria

MONFORTE. Marta e Auria González, da tenda de dietética Santiveri, abriron este luns ao público con biombos nos mostradores para tratar de ofrecer á súa clientela a maior protección.

VILALBA. Antía Naveiras, da tenda de roupa infantil Carapuchiña Vermella, en Vilalba, recibiu xa aos seus primeiros clientes con cita previa, coa “incerteza” de saber como organizarse e que medidas adoptar para protexerse do coronavirus.

VIVEIRO. A propietaria de Piti Deportes en Viveiro, Dores Pérez, tivo un día “relativamente bo” ,cun bo número de citas de clientes concertadas, que pretendían prepararse para os próximos adestramentos . O uso de máscara xa é algo “natural”.

SARRIA. ”Moitos nenos medraron durante a corentena”, explican Sonia Cáceres e Yaiza Arias, da tenda de roupa infantil Colorín Coloreado de Sarria, onde atenderon a un cliente cada media hora.

Comentarios