domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Dous colectivos sanitarios mobilízanse no Hula pola súa precariedade laboral

Un momento da mobilización do venres no vestíbulo do Hula. VITORIA RODRÍGUEZ
Un momento da mobilización do venres no vestíbulo do Hula. VITORIA RODRÍGUEZ

Os enfermeiros protestaron contra os contratos eventuais encadeados, mentres que os celadores reivindicaron as prazas perdidas na PAC e os centros de atención primaria

Os enfermeiros e celadores da área sanitaria de Lugo mobilizáronse este venres no vestíbulo do Hula para protestar polas súas condicións laborais. A mobilización, que se repetiu en todos os hospitais de referencia de Galicia, congregou a decenas de profesionais. Beatriz Da Silva, representante dos celadores de Lugo, asegurou que estes profesionais reivindican os seus postos de traballo nos puntos de atención continuada (PACs) e nos centros de atención primaria. "Nos últimos concursos de traslados non se ofertaron as nosas prazas, e non estamos dispostos a perder os nosos postos de traballo", asegura.

A plataforma de celadores demanda que se faga unha revisión das prazas que perderon, e que, segundo din, ocuparon unha nova categoría de traballadores que se creou, coñecida como Persoal de Servizos, "unha mestura entre persoal administrativo e de celadores", segundo Beatriz Da Silva. "Cremos que estamos o suficientemente dotados de experiencia para desonvolver ese traballo que levamos defendendo durante moitos anos", asegura.

ENFERMEIRAS EN LOITA. A plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita, que congrega a enfermeiros que encadean contratos temporais, tamén está en pé de guerra polas súas condicións laborais. Jorge Lobo, enfermeiro do Sergas en Lugo e membro da asociación, fíxose eco do manifesto que elaboraron na plataforma, desde a que recollen firmas para acabar coa súa situación. No escrito piden o fin da precariedade dos seus contratos eventuais de continuidade. "O que fan é perpetuar a escravitude maquillada de contratos dun ano, pero non é máis que estar dispoñibles para o Sergas 24 horas ao día, os 365 días do ano, e que nin sequera nos deixa conciliar o traballo coa nosa vida familiar", denuncia Lobo.

No manifesto tamén defenden unha sanidade pública universal e gratuíta, xa que consideran que unhas boas condicións laborais repercuten na atención dos pacientes, e o recoñecemento da enfermería como unha disciplina autónoma. "Hai moito que deixamos de ser simples axudantes técnicos sanitarios; agora somos diplomados e graduados, cos nosos catro anos de carreira e competencias propias", asegura Jorge Lobo.

Tanto os celadores como os enfermeiros ten pensado continuar a súa loita ata conseguir os seus obxectivos. "Esta é a primeira das movilizacións da iniciativa '12 meses 12 loitas', no que o día 12 de cada mes realizarase un acto non que visibilizaremos o noso problema e reivindicaremos os nosos dereitos", asegura o representante da plataforma Enfermeiras Eventuais en Loita. Pola súa banda, os celadores tampouco se darán por vencidos. "Imos loitar todos xuntos ata que non nos queden máis forzas, e imos recuperar os nosos postos de traballo e a nosa cualificación profesional", afirma Da Silva.

Dous colectivos sanitarios mobilízanse no Hula pola súa...
Comentarios