Estudan que a cociña do Hula elabore tamén os menús do Cunqueiro de Vigo

As instalacións olívicas estarán pechadas no verán para arranxar deficiencias 
Cocina del Hula. ARCHIVO
photo_camera Cociña do Hula. ARQUIVO

A cociña do Hospital Lucus Augusti (Hula) podería triplicar a produción para poder atender a do hospital vigués Álvaro Cunqueiro, segundo indicaron a Efe fontes coñecedoras do proceso.

A deterioración na infraestrutura da cociña do centro olívico, inaugurado en 2015, obrigou a actuar urxentemente en varios espazos do recinto para emendar as deficiencias que están a afectar ao funcionamento adecuado da instalación, polo que a empresa concesionaria do hospital pechou a instalación entre xullo e setembro.

A CIG denunciou a través dunha nota de prensa na primeira semana de xuño que a concesionaria do Álvaro Cunqueiro, a empresa catalá Arcasa, tomara a decisión da cubrir as necesidades de produción da cociña do hospital vigués desde Zaragoza e que a comida sería transportada en camións desde a capital aragonesa

A denuncia do sindicato causou malestar na administración galega e na xerencia clínica do hospital vigués, que, segundo fontes da central, "aseguraron que se decataron por nós da decisión da concesionaria". 

A pesar das preguntas realizadas pola CIG á xerencia e á concesionaria do hospital para confirmar se definitivamente a comida viaxaría desde Zaragoza, a día de hoxe o sindicato non coñece se houbo un cambio definitivo de estratexia, aínda que "hai rumores de que a comida podería vir do Lucus Augusti", segundo explicou a Efe María do Tránsito Fernández, secretaria nacional de CIG Servizos. 

A Xunta explica que o asunto estase estudando e que hai varias opcións, sen que ningunha delas estea pechada

Responsables de cociña e de nutrición do Álvaro Cunqueiro visitaron nos últimos días o Hula, onde puideron comprobar de primeira man o funcionamento da cociña deste hospital público, inaugurado en 2010, e que reúne as condicións para realizar o labor que precisan os pacientes ingresados en Vigo.

A tarefa implica un importante labor de loxística e de traballo que desenvolverá o persoal de cociña do Hula, xa que terá que producir practicamente tres veces máis do que cociñaba ata agora, segundo apuntan a Efe fontes do hospital en Lugo.

Desde a Xunta explican que o asunto estase estudando e que contan con varias opcións, sen que ningunha delas estea pechada, e todo apunta a que se resolverá nunha reunión do Consello da Xunta. 

Mentres a confirmación oficial non chega, no Hula tómanse decisións para atender as 2.400 comidas diarias que terían que cociñar e destinar ao hospital vigués, por exemplo a informatización entre ambos os hospitais que permita a descarga de datos informáticos e confeccionar todas as dietas necesarias. 

As cociñas do Hula actualmente elaboran uns 1.500 menús diarios, entre comida, cea e comida do día seguinte, e atende a alimentación principal dos pacientes do Lucus Augusti, ademais de producir os menús diarios do hospital de Calde.

Comentarios