"Co emprendemento, Lugo pode ter unha oportunidade no rural"

José Luis Celeiro ten 34 anos e vai para unha década que creou Sicnatura Water, unha empresa de tratamento de augas e prevención da lexionela que ten a súa base en Triacastela e, quizais pola propia experiencia, preocúpalle a existencia de medios para facer posible o emprendemento no rural

José Luis Celeiro. SEBAS SENANDE
photo_camera José Luis Celeiro. SEBAS SENANDE
Leva meses á fronte de Aje, unha asociación relativamente pequena en número, dado que suma na actualidade uns 50 socios, pero importante, porque representa os emprendedores máis novos da provincia. O seu obxectivo é axudar a poñerllo un pouco máis fácil a aqueles que pensan en emprender. Leva un tempo xa á fronte de Aje e tivo ocasión de ir colléndolle o pulso á entidade. Que aspectos do proxecto da asociación quere potenciar?
A nosa misión é representar os xoves empresarios, pero para min un obxectivo persoal é integrar os municipios máis rurais e pequenos e lograr que Aje faga de vehículo para que a xente que monte negocios aí teña acceso aos mesmos recursos que ten quen abre unha empresa nunha cidade.

Non parece fácil esa igualdade. As comunicacións son un problema, pero en Lugo ademais o acceso a internet é deficente en moitas zonas aínda.
Si, a dificultade de emprender no rural é unha cuestión tamén física, porque require un esforzo maior. A situación mellorou nalgúns aspectos e zonas, pero aínda así é moi, moi, mellorable en moitos lugares da provincia.

É posible acabar con todos os contratempos do rural? 
Hai que poñerse ao día e crer que é posible aproveitar os recursos e a tranquilidade que ofrecen as nosas zonas rurais, tamén incluso para albergar sedes de empresas dixitais 

Que apoios dá a Aje aos novos empresarios? Por que deben estar na asociación que preside vostede?
Nós damos servizos de asesoramento en todo o que poidan necesitar, tanto aos emprendedores que teñen empresas en marcha como aos aspirantes a emprender. E tamén damos formación, que este ano se vai centrar no aspecto dixital e tamén na contratación pública. Ademais, organizamos sesións de networking co fin de que o tecido xove empresarial xere sinerxias e poida haber colaboración.

Crearon unha bolsa de emprego co fin de facilitar que as empresas poidan contactar con traballadores, que non sempre son fáciles de atopar, non?
A bolsa de emprego é algo que vamos potenciar e imos tamén facer máis asesoramento para o emprego. As empresas teñen un reto importante en canto á dispoñibilidade de persoal con forma- ción adaptada ás necesidades.

É doado para unha persoa nova crear unha empresa en Lugo?
Hai xente que pon en marcha empresas e poténciase a creación, pero podería facerse en maior medida. Lugo, como provincia, pode ter aí unha oportunidade para fixar poboación en zonas nas que a perda de xente é constante.

O perfil de quen crea unha empresa cambiou? Suponse que, na actualidade, os novos emprendedores contan con máis formación ca nunca.
Hai profesionais con moita formación, pero iso non supón que non haxa dificultades. Necesítanse apoios e é importante para a provincia que haxa emprendemento.

Como foi o seu caso? Vostede creou unha empresa en Triacastela.
Si, eu decidín que se podía traballar desde o rural. Fixen un ciclo superior de industrias químicas e despois creei a empresa. E desde entón seguín formándome. Fixen un grao universitario en Organización Industrial e agora tocará o máster. Unha empresa necesita moitas horas e precisas tamén seguir formándote sempre. A formación continua é vital.

E cales son os maiores problemas que atopan os novos que deciden emprender?
Uf, hai tantos... Pero algo que necesitamos mellorar é o acceso á contratación pública. O sistema debe adaptarse para permitir o acceso das empresas de recente creación.

Imos recuperar os premios de Aje, que visibilizan a importancia do emprendemento mozo na provincia de Lugo"

O acceso ao financiamento bancario é máis difícil para os novos?
A capacidade de acceso ao financiamento é limitada e hai que ter sempre un bo plan de empresa que soporte os datos. E quen empeza ten que contar co Igape e o Ico.

A Aje organizaba anualmente unha entrega de premios para poñer en valor os novos emprendedores. Continuarán outorgando eses galardóns?
Este ano vanse celebrar os premios. Pensamos que debemos recuperalos, que son necesarios para visibilizar o emprendemento xove na provincia. Premiar as ideas empresariais máis significativas axuda a facer ver a importancia do emprendemento e que os novos se impliquen. Temos neste momento tamén a idea de lanzar unha campaña para dar a coñecer a asociación, porque captar máis socios permitirá tamén gañar representatividade nunha provincia na que é importante que os novos dean o paso. Os socios poden ter ata 40 anos.

Comentarios