Os cines Abella proxectan este xoves películas por última vez

Os Cristal de Montero Ríos abren o venres ao público as súas tres salas

Cines Cristal. XESÚS PONTE
photo_camera Cines Cristal. XESÚS PONTE

O centro comercial Abella perde a súa última referencia. Os cines Abella, a principal actividade que facía que permanecese aínda aberto, proxectan este xoves pola tarde películas por última vez. O outro negocio que seguía en activo, o ximnasio, ten previsto o seu peche esta mesma semana.

Á vez que pechan estas salas, Lugo recupera este venres os céntricos cines Cristal de Montero Ríos. A apertura estaba prevista para o pasado venres, pero problemas de última hora coa rehabilitación fixeron que se atrasase ata esta semana, segundo confirmaron desde a empresa Xildar Fuxaos SL, que comparte socios coa firma que xestionaba os cines Abella.

En calquera caso, Lugo perde con este cambio cinco salas, xa que no centro comercial había oito mentres que o Cristal teñen tres, dunhas 120 prazas cada unha. No entanto, hai xa moitos días que en Abella xa non se proxectaba en todas as salas. De feito, durante toda esta semana só había películas en tres delas, polo que é posible que sexan as mesmas que pasarán a exhibirse este venres no Cristal.

De todos os modos, o peche dos cines Abella supón a puntilla para este centro comercial deseñado en plena época de bonanza e expectativas de crecemento e ao que a crise económica e os problemas de xestión levaron primeiro ao concurso de acredores e agora ao fin case total da actividade, pois só queda unha hamburguesaría, nun anexo. A propiedade pertence nestes momentos a un fondo de investimento de risco, que non anunciou aínda os seus plans para esta área comercial.

Tamén seguen sen abrir os cines das Termas, desde que a xerencia deste centro e a empresa que xestionaba as salas, Ciproga, romperon o acordo de explotación. Desde entón, o público lucense está pendente da súa anunciada reapertura, así como os propios comerciantes instalados neste centro. Está previsto que Yelmo xestione as salas dese centro.