A CIG presentará un recurso de casación ante a Audiencia Nacional contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que absolveu a Novafrigsa de ter que asumir as cotizacións sociais dos últimos catro anos de 306 falsos autónomos, que traballaban no matadoiro lucense a través da cooperativa Servicarne.
O secretario comarcal da federación de alimentación da CIG, Christian López, asegurou onte que "todas as opcións atópanse intactas", pese ao revés que supuxo a sentenza do TSXG, que tombou a condenatoria do xulgado do Social número 3 de Lugo, que supuña un desembolso de máis de 4,7 millóns de euros para a filial do Grupo Coren.
Ese fallo leva aparellado que a Seguridade Social non teña que devolver polo momento a estes 306 traballadores os pagos durante catro anos do seu seguro de autónomos.
Christian López recordou que o litixio emprendido contra este matadoiro por estes falsos autónomos permitiu "normalizar a legalización deste persoal que, dende 2018 alomenos, atópanse encadrados non réxime xeral da Seguridade Social".