A CIG denuncia saturación en Urxencias por falta de camas e o Sergas négao

A Xerencia do Hula asegura que non había pacientes pendentes de ingreso

Urgencias del Hula. SEBAS SENANDE
photo_camera Urxencias do Hula. SEBAS SENANDE

A sección de Saúde do sindicato CIG denunciou este mércores que polo menos nove pacientes tiveron que pasar a noite do luns ao martes en box de Urxencias do Hula porque a unidade de Observación, onde deberían estar, atopábase chea. "Coma sempre", asegurou o sindicato, "isto é una cadea, Observación estaba chea porque a Xerencia decidíu pechar a Unidade de Hospitalización 4B1, xa que o persoal contratado para ela está sendo usado para cubrir ausencias noutras unidades".

Segundo consideraron os representantes da CIG no Hula, dita planta debería estar aberta todo o ano, "en cambio é usada como comodín".

O resultado é, a xuízo dos sindicalistas, que se están causando aos pacientes trastornos derivados da "desorganización á hora da súa apertura, persoal novo, con falta de material, protocolos, etc, e tamén cando pecha a desorganización trasládase ao resto do hospital, incluída a Urxencia que se usa como unidade de hospitalización restándolle capacidade de atención urxente".

Con todo, a Xerencia do Hula desmentiu as afirmacións da CIG e negou que houbese pacientes en Urxencias por falta de camas: "Ás 8 desta mañá o índice de ocupación do Hula era do 74%, habendo 46 camas libres na área médica e 38 camas libres na área cirúrxica. Polo tanto, non é certo, en absoluto que haxa problemas de camas".

De feito, a dirección do Hula asegura que non había pacientes pendentes de ingreso, xa que os que había en Urxencias "estaban a ser atendidos e en observación, pendentes da súa evolución clínica, e non de ingreso".

comentarios