A CIG denuncia colapsos no Hula polo peche de camas e a área sanitaria négao

A xerencia asegura que "ningún paciente que ingresou por Urxencias quedou sen camas e todos foron atendidos debidamente"

Entrada del Hula. AEP
photo_camera Entrada do Hula. AEP

O sindicato CIG-Saúde de Lugo denunciou que o peche de plantas durante o verán no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) xerou colapsos durante esta semana, aínda que desde a xerencia da Área sanitaria asegurouse que "non hai colapso en Urxencias" e que todos os pacientes "foron atendidos debidamente". 

A responsable do sindicato de CIG-Saúde en Lugo, Carmen Aira, asegurou que os peores momentos producíronse o martes e o mércores desta semana e insistiu en que o hospital se ve nestas datas "cunha urxencia saturada pola imposibilidade de hospitalizar os pacientes que o precisan e coas unidades de hospitalización cheas de enfermos que non pertencen á súa especialidade". En concreto, afirmou que ata once pacientes de Traumatoloxía estiveron hospitalizados en Xinecoloxía e outros tantos de Uroloxía e Traumatoloxía, dispersados por outras unidades, como Cirurxía Xeral e Dixestiva. 

"O martes incluso se reforzaron todas as categorías de profesionais en Urxencias para poder atender as necesidades asistenciais, pero o que non se puido facer foi dar aos pacientes as condicións de ingreso requiridas polo sentido común e polos seus dereitos", expuxo. 

Aira aventura "que isto se vai a vivir en numerosas ocasións durante toda a época estival e incluso unha vez terminada, porque algunhas plantas non volven abrir ata mediados de outubro". En referencia á xerencia criticou que "nunca ofrecen explicacións sobre este asunto, basicamente porque non as teñen", e engadiu que na actualidade permanecen pechadas tres unidades, dúas delas desde o 1 de xullo, Xeriatría e Medicina Interna e a outra, desde o día 15, Traumatoloxía.

"NON HAI COLAPSO", SEGÚN A XERENCIA. Pola súa banda, desde a xerencia da área de Lugo afírmase que "a día de hoxe a situación no Hula é normal. Non hai colapso en Urxencias nin houbo en todos estes días. Ningún paciente que ingresou por Urxencias quedou sen camas e todos foron atendidos debidamente". 

Tamén se indica que se está "realizando toda a actividade prevista con absoluta normalidade e que hai dispoñibilidade de camas. O que si se está notando é un maior número de urxencias das previstas para esta época do ano". 
 

Comentarios